O Concello de Monforte repartirá 100 composteiros domésticos no núcleo urbano
O Concello de Monforte distribuirá 100 composteiros domésticos entre os veciños e veciñas da zona urbana, no marco dun programa para impulsar a compostaxe doméstica, que leva a cabo coa colaboración de Sogama, co fin de reducir a cantidade de lixo xerado na localidade.
"A pretensión é reducir a xeración de residuos, posto que a fracción orgánica, é dicir, os restos de comida que se orixina nas nosas vivendas, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa do lixo. Se producimos compost, isto tradúcese na redución do lixo que se transporta e deposita nos vertedoiros, e ademais obtemos un abono natural de excelente calidade para as nosas plantas", explica o alcalde monfortino, José Tomé.
Os veciños que reciban os composteiros, cunha capacidade de 350 litros, recibirán ademais unha xornada informativa na que se explicarán as claves para empregar de xeito correcto os colectores.
As persoas interesadas en recibir os composteiros terán que dirixirse ao rexistro xeral do Concello de Monforte, a partires do vindeiro luns día 8, e solicitar o modelo de instancia a cubrir, que tamén se poderá descargar a través da páxina web do ente local. O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 26 de marzo.
Para optar a uns destes 100 composteiros, os solicitantes deberán estar empadroados en Monforte. O Concello dará ademais prioridade a aqueles demandantes que teñan finca ou xardín no núcleo urbano de Monforte, así como que non recibiran xa un composteiro a través de campañas deste tipo levadas a cabo con anterioridade.
Teranse en conta tamén aspectos como o número de habitantes da unidade familiar, a extensión da finca á que se destina o composteiro e os hábitos de consumo, entre outros. Estes datos deberán ser aportados polo demandante do composteiro no momento en que cubra o formulario de solicitude.
CHARLAS TÉCNICAS
As persoas que finalmente accedan ao programa de compostaxe deberán participar nunha charla formativa específica impartida por técnicos medioambientais, onde se lles explicará como utilizar axeitadamente o composteiro, a fin de reducir os restos orgánicos xerados nos fogares e obter un compost natural. Ao remate desa charla técnica será cando cada persoa poderá recoller o seu correspondente composteiro.
Os participantes neste novo programa de compostaxe en Monforte disporán ademais dun servizo de asesoría permanente para resolver as posibles dúbidas.
O Concello monfortino repartiu outros 193 composteiros en campañas anteriores, e dispón de 4 composteiros comunitarios no Parque da Pinguela, que reforzan o traballo que a entidade municipal desenvolve a prol da reciclaxe e da redución de residuos.