O Concello de Monforte presenta o proxecto de reparcelación Zona D

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte presenta o proxecto de reparcelación Zona D que se efectuará en vivendas ao carón do río Cabe
Goberno Monforte
6 Mar 2023

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de dar a coñecer o proxecto de reparcelación da Zona D, que se corresponde cos terreos situados no centro da cidade inmediato ao río Cabe, e fronte ao Colexio da Compañía.

É unha zona en forma de rectángulo recortado que inclúe os terreos que están ubicados entre o Paseo do río, as traseiras dos edificios da Rúa Avda. de Galicia, as traseiras dos edificios da Rúa Cardenal e unha pequena parte do Parque dos Condes que se corresponde co lugar onde está ubicado o muro de peche e a pérgola.

Tal e como declarou o alcalde, "esta é unha nova acción para seguir mellorando o urbanismo da cidade, por iso, imos dar un novo paso na mellora e posta en valor dun espazo que neste momento está en parte degradado, que coincide coas traseiras do edificio do Banco de Bilbao e do edificio do supermercado Árbol".

José Tomé explicou que unha vez rematadas as obras da Zona C, "o equipo de Goberno vai a comezar a tramitación doutro ámbito territorial, próximo ao anterior, co convencemento de que lle vai a dar unha nova imaxe a esa zona de Monforte".

Trátase da urbanización da chamada Zona D que suma unha superficie de 3.274 m2 pertencentes a 33 propietarios coñecidos dos que o Concello ten datos, mais os herdeiros dunha situación indivisa que se descoñece cantos son, mais a unha comunidade de garaxe.

O rexedor explicou que "isto vai a permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza e abrir un novo vial que comunica a Rúa Cardenal co paseo do río e que vai a xerar novas parcelas para edificar con baixo impacto".

Por outro lado, engádese tamén unha zona verde e o conxunto, "vai permitir cambiar a fisionomía da cidade e poñer en valor esa zona que se atopa moi próxima ao Monumento da Nosa Sra. Da Antiga", argumentou o rexedor.

O alcalde tamén explicou que esta área de reparto ou polígono a urbanizar foi aprobado nunha modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento que tivo a súa aprobación definitiva o 12-04-00 e que foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o día 26 de abril baixo a modalidade do sistema de compensación que legalmente lle correspondería desenrolar aos propietarios dos terreos.

O proxecto de reparcelación vaise aprobar na Xunta de Goberno do próximo luns e vai ter un custe de 376.744,67 euros, aínda que cando chegue a fase do proxecto construtivo e debido a posibles cambios durante a fase de exposiciòn pública e alegacións, pode resultar algunha variación no orzamento. En todo caso, en termos xerais rondará os 400.000 euros que se financiarán con fondos propios municipais.

Esta actuación afecta a 4 parcelas de 35 propietarios ao que lle hai que sumar unha zona de terreo público. A propiedade do terreo afectada correspóndese con 1932 m de solo privado e 1342 m de terreo público, dos cales 791 correspóndense coa tira do zona verde pegada ao muro de peche cunha lonxitude de 41,5 m e 561 m do vial que descorre fronte á pérgola.

Cando a urbanización estea rematada o reparto dos novos terreos serán:

  • Zonas verdes: 541 m2
  • Viais: 1.550 m2
  • Edificables: 1.182,95 m2, dos cales 1.126 poden dar lugar a baixos e 3.958 a uso de vivenda.
  • As alturas modificables serán de baixo + 3 na zona que linda co Banco de Bilbao, e de baixo+ 1 na zona que linda co Paseo do río.

Tomé rematou a presentación co desexo de que os propietarios cooperen co Concello para levar as obras a cabo o antes posible e que poidan estar rematadas, no horizonte do próximo ano 2024.

Tamén remarcou o seu convencimento de que de que a Zona D resultará moi ben acollida polos veciños e veciñas de Monforte, tendo en conta a excelente experiencia vivida coa Zona C a pesar de que o ámbito de actuación é mais reducido pero non menos importante pola zona á que afecta.

Zona D Monforte
0.18299603462219