O Concello de Monforte presenta o Programa Deportivo de Verán para o municipio

RibeiraSacraXa
Entre as actividades destacan o Campamento deportivo de verán e o XVIII Campus de Fútbol Cidade de Monforte - R.C. Celta de Vigo
actividades-deportivas-verán-Monforte-2024
21 Maio 2024

A tenente de alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, presentou o Programa Deportivo de Verán do Concello de Monforte 2024, acompañada polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e polo técnico de Deportes, Óscar Rodríguez

Esta nova edición do Programa Deportivo de Verán conta con catro actividades deportivas: o Campamento Deportivo de Verán, o XVIII Campus de Fútbol Cidade de Monforte – Real Club Celta de Vigo, cursos de natación na Piscina climatizada municipal e un curso de Tenis.

Prada salientou que “dende o Equipo de Goberno decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán, motivados pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas cada ano, especialmente no período estival, ademais para ofrecer ós nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida e saudable”.

“O noso obxectivo”, continuou Gloria Prada, “é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar das súas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.

A representante municipal “dende o Concello, fixemos un esforzo moi importante para poder manter a celebración destas actividades de verán, nas que ofertamos un total de 822 prazas, que é o número máis alto dos últimos anos que dende o Concello puxemos en marcha para as actividades de verán e que supoñen un 8 prazas máis que as ofertadas en 2023”.

Principais novidades

A tenente de alcalde subliñou que hai 3 novidades no que se refire á inscrición no Programa Deportivo de Verán. En primeiro lugar, para poder participar será requisito imprescindible estar empadroados no Concello de Monforte. No caso de que o neno non estea empadroado no Concello de Monforte, poderá participar se está empadroado algún dos seus proxenitores (pai ou nai) ou algún dos seus avós.

En segundo lugar, as persoas interesadas en participar no Campamento Deportivo de Verán 2024 deberán facer unha solicitude de preinscrición a través do rexistro xeral do Concello de Monforte (ben presencial ou electrónico) entre o 23 e o 30 de maio de 2024. A diferencia é que, con respecto a outros anos, antes podíase facer a inscrición nunha aplicación, e tamén nas Casitas, pero este ano decidimos centralizar todo no Rexistro do Concello.

E en terceiro lugar, as solicitudes poderán presentarse de xeito individual ou múltiple. Poderán presentar unha solicitude múltiple para o suposto de dous, tres e ata catro irmáns. Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que soliciten idéntica quenda. Isto suporá que no momento en que obteña a praza un dos irmáns ou irmás inscritos, os demais irmáns tamén obterán praza nesa mesma quenda.

"Así, mantemos o carácterconciliador da actividade, facilitando que todos os irmáns e irmás poidan acudir xuntos ás actividades ofertadas", explicou.

CAMPAMENTO DEPORTIVO DE VERÁN

O Campamento Deportivo de Verán desenvolveranse, por quinto ano consecutivo, nun período de tempo máis amplo do habitual, do 1 de xullo ao 14 de agosto.

Deste xeito, ó igual que nos últimos anos, serán tres quincenas, cun total de 32 días de actividade, 2 días máis que o ano pasado, “polo que quero resaltar que facemos un esforzo considerable, polo ben das familias e dos nenos e nenas de Monforte”, subliñou Prada.

Cabe recordar que en anos anteriores, establecíanse 2 quincenas durante o mes de xullo, con 20 días de actividade. Polo tanto, isto quere dicir que en 2024 mantense a duración dos campamentos de verán nun aumento nun 30 % de días ofertados.

A distribución das 3 quendas será do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto, sempre de luns a venres, non festivos, de 10.00 a 14.00 horas.

“O Alcalde de Monforte decide continuar ofertando as 3 quendas para dar así un servizo que chegue a moitas máis persoas, dada a súa demanda” indicou Prada.

O número total de prazas ofertadas é de 360, e por quenda será de 120 prazas distribuídas en 12 grupos de traballo, o que establece unha ratio de 10 alumnos por monitor.

Das prazas ofertadas por quenda, reservanse 6 prazas para persoas con discapacidade superior ou igual ao 33 % e 8 prazas que se poñen a disposición dos Servizos Sociais do Concello de Monforte.

As actividades ofertadas, como en pasadas edicións combinarán accións multideportivas con obradoiros variados, e excursións diversas. As actividades levaranse a cabo na área deportiva da Pinguela.

Nos campamentos poderán participar nenos e nenas de entre os 5 e os 12 anos de idade, que poderán realizar a preinscrición no Rexistro presencial ou telemático do Concello, a partir deste xoves 23 de maio e ata o 30 de maio de 2024.

O 4 de xuño publicarase o listado de persoas preinscritas, e do 5 ao 7 de xuño, abrirase o período de emenda de solicitudes, que deberá facerse tamén a través do Rexistro do Concello. No caso de ser necesario, haberá un sorteo de prazas.

E o 11 de xuño será publicada a lista de persoas admitidas e lista de agarda. A matrícula definitiva efectuarase entre o 12 e o 21 de xuño e poderá facerse de dous xeitos, enviando toda a documentación requirida por correo electrónico ao enderezo deporte.veran@concellodemonforte.com ou presentando toda a documentación requirida nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude, nas Casitas.

O custo da actividade será ó igual que en pasadas edicións de 51,75 euros por quincena para matrículas sen transporte e de 67,28 euros para aqueles nenos e nenas que necesiten transporte para achegarse ao seu campamento, xa que, ao igual que outros anos, síguese ofertando o servicio de transporte en autobús para todos aqueles que o necesiten. As familias numerosas terán un 50 % de desconto.

“Dende o Concello, facemos ano a ano un esforzo moi importante non so para poder manter a celebración destes Campamentos Deportivos de Verán, senón tamén para mellorar e aumentar o número de días, de actividades e de prazas ofertadas, para facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar dunhas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”, subliñou a tenente de alcalde.

XVIII CAMPUS DE FÚTBOL CIDADE DE MONFORTE – R.C. CELTA DE VIGO

A actividade de este Campus, que con esta suma xa 18 edicións, celebrarase entre o 29 de xullo e o 2 de agosto no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas.

Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos que, de igual xeito que para o Campamento Deportivo, poderán realizar a súa preinscrición través do rexistro xeral do Concello de Monforte entre o 23 e o 30 de maio. O número de prazas ofertadas será de 100, que se distribuirán en 6 grupos de traballo.

Ao igual que no caso do Campamento Deportivo de Verán, será requisito indispensable estar empadroados no Concello de Monforte. No caso de que o neno non estea empadroado/a no Concello de Monforte poderá participar se está empadroado algún dos seus proxenitores (pai ou nai) ou algún dos seus avós. Tamén será posible a inscrición de xeito individual ou múltiple (de 2 a 4 irmáns ou irmás).

Os prazos de matrícula serán os mesmos que no caso do Campamento Deportivo de Verán e o custo da actividade será de 26,91 euros e as familias numerosas terán un desconto do 50 %.

CURSOS DE NATACIÓN E TENIS

Estes cursos están dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas e terán lugar durante os meses de xullo e agosto. Haberá cursos intensivos de 15 días con clases de luns a venres para categorías infantil e nenos, e cursos mensuais de dous días á semana para bebés, adultos e ximnasia acuática.

Para levar a cabo as inscricións nalgún dos cursos ofertados, as persoas interesadas deberán acudir á piscina climatizada municipal: as persoas aboadas a partir do 19 de xuño, e a partir do 24 de xuño, as non aboadas. Estes cursos de natación contarán cun total de 308 prazas, fronte ás 300 ofertadas o ano pasado, é dicir, son 8 prazas máis.

Os cursos de tenis, que foron incluídos por primeira vez no ano 2022, desenvolveranse 1 de xullo e o 14 de agosto, distribuídos en 3 quendas, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto.

En total, son 54 prazas dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que se ofertan para persoas empadroadas en Monforte, cos mesmos prazos que o Campamento Deportivo de Verán. As clases terán lugar nas Pistas de Tenis municipais da Pinguela e levaranse a cabo os martes e os xoves non festivos, con clases de 1 hora de duración.

“En definitiva”, concluíu Gloria Prada, “dende o Equipo de Goberno do Concello, facemos un esforzo moi importante para poder manter a celebración destes Campamentos de Verán, así como do Campus do Celta e dos cursos de natación, sen esquecer a oferta de cursos de tenis. Polo tanto, o igual que no ano pasado, melloramos e aumentamos o número de días, de actividades e de prazas ofertadas, porque o noso obxectivo é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar dunhas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.

0.22628092765808