O Concello de Monforte anuncia a construción dunha nova senda peonil cunha inversión de 4,1 millóns de euros
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá, en presenza dos medios de comunicación, o convenio que permitirá a construción dunha nova senda peonil circular urbana en Monforte. Este percorrido de máis de 4 quilómetros, ao longo dos leitos dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, conectará dende o edificio de Correos ata o Malecón. Segundo destacou o alcalde, esta obra suporá “un antes e un despois na trama urbana, combinando melloras urbanísticas, medioambientais, de saneamento e de lecer”.
O rexedor destacou a importancia deste proxecto para o desenvolvemento urbanístico da cidade, subliñando a inversión prevista de máis de 4,1 millóns de euros (4.125.000 euros), dos que a CHMS aportará o 80% (3.300.000 euros) e o Concello de Monforte o 20% restante (825.000 euros), en catro anualidades comprendidas entre 2025 e 2028.
O orzamento inclúe a redacción do proxecto, que comezará de inmediato, así como a licitación e execución das obras. Prevese que a redacción do proxecto se leve a cabo ao longo de 2025, mentres que a construción e restauración ambiental se desenvolverán entre 2026 e 2028.
Detalles do proxecto
O alcalde explicou que esta senda peonil comezará xunto ao edificio de Correos e estenderase ata o Fogar San José–Hermanitas dos Anciáns Desamparados e o Malecón, percorrendo un total de 4 quilómetros. “Urbanizaranse os regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, creando un cinto que abrazará Monforte, integrando estes regatos, que ata agora estiveron abandonados, na trama urbana”, sinalou.
A senda conectará co Malecón, formando un circuíto que rodeará Monforte, sempre en zonas verdes, continuando ademais polo Parque dos Condes.
Ademais da senda, que ampliará os espazos de lecer, deporte e saúde para os veciños e veciñas, este convenio inclúe importantes melloras no saneamento, solucionando a entrada de augas pluviais ou de rega que, procedentes do regato das Malloadas, saturan o colector situado baixo a Compañía e afectan ao funcionamento da depuradora de Piñeira, que traballa con menor eficacia ao estar sobrecargada.
Neste sentido, José Tomé subliñou: “Con este proxecto articulamos varias melloras: ofrecemos aos monfortinos un paseo de 4 quilómetros, apto tanto para peóns como para bicicletas; eliminamos augas residuais dos regatos, xa que o novo sistema de saneamento instalarase baixo a senda; e na zona de Correos ata a rúa Sarria haberá paseos en ambas marxes, dado que é unha área máis urbana”.
O alcalde expresou a súa satisfacción polo alcance desta “gran obra”, que considera útil dende os puntos de vista urbanístico, de lecer, de saúde e de saneamento, ao tempo que agradeceu ao presidente da CHMS a súa sensibilidade cara a Monforte en cuestións medioambientais e de saneamento, destacando tamén o apoio económico do Goberno de España para este proxecto.
“A catro anos vista, toda esa zona da cidade dende Correos, pasando polo parque da Florida, a estrada de Santa Mariña, descendendo pola Cerámica e percorrendo o Zapardiel ata o Fogar San José, contará cun cinto urbanizado, saneado, con regatos limpos, ben coidados e mellor integrados no entorno”, concluíu José Tomé.
Perspectiva da Confederación Hidrográfica
Pola súa banda, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, detallou o proxecto en torno a tres aspectos clave: restauración ambiental, creación da senda peonil e mellora do sistema de colectores, especialmente no regato das Malloadas.
- Restauración ambiental:
O proxecto recuperará os regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, afluentes do río Cabe, naturalizando os seus leitos, restaurando a súa vexetación de ribeira e construíndo un paseo fluvial que na súa maior parte discorrerá por unha soa marxe, aínda que nos tramos máis urbanos se estenderá por ambas. - Creación da senda peonil:
Esta senda de 4 quilómetros “abrazará a trama urbana”, conectando zonas densamente poboadas como a rúa Conde e a área da N-120, ata enlazar novamente con zonas urbanas de alta densidade, como a rúa Doutor Casares. Ademais, unirá dous importantes parques, o da Florida e o do Zapardiel, e conectará lugares emblemáticos da cidade como a Compañía, Escolapios, o Malecón e o casco histórico.
“Este proxecto traerá a natureza ao corazón de Monforte, cun paseo urbano para que a xente poida camiñar ou correr”, engadiu Quiroga.
- Mellora do sistema de saneamento:
Eliminaranse as augas limpas que actualmente entran nos colectores, especialmente no regato das Malloadas, evitando así a sobrecarga da depuradora de Piñeira e mellorando o seu funcionamento.