Monforte achegará 3.000 euros para o Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica
Gloria Prada, acompañada pola directora deportiva deste Club Quicela, Jessica Quiroga, presentou o Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica que se celebrará en Monforte do 24 ao 28 de xuño.
Na súa intervención, a tenente de alcalde anunciou que o Concello de Monforte achegará unha axuda de 3.000 euros para o Campus, “un proxecto pioneiro en España que dende un primeiro momento contou co apoio do alcalde, José Tomé Roca”.
Neste senso, Prada engadiu que “esta axuda ben motivada porque este Campus traerá a Monforte a unha das mellores escolas de ximnasia rítmica a nivel mundial, a ucraína, e contribuiremos a converter en realidade os soños de moitísimas das nosas ximnastas, que poderán compartir con elas unha experiencia única e inesquecible”.
Este Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica, está organizado polo Club Quicela, e conta co patrocinio e colaboración do Concello de Monforte, e celebrarase novo Pavillón polideportivo de A Pinguela de Monforte do 24 ó 28 de xuño.
O venres 28 en xornada de tarde haberá unha gala-exhibición de todas as participantes no Polideportivo Municipal da Pinguela sendo para todos os asistentes a entrada gratuíta.
Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica
O programa de contidos do Campus contará con sesións de aprendizaxe, masterclass internacional e exhibición final das participantes. O Campus está dirixido a nenos e nenas en idade escolar, a partir de 7 anos.
Os participantes estarán divididos en grupos seguindo un criterio de nivel individual e idade para realizar os grupos o máis homoxéneos e equilibrados posible. O número de ximnastas será de 25 máximo en cada grupo. Agárdase a presenza de ximnastas estranxeiras, chegadas de países como Bulgaria, Ucraína, Portugal, México ou Italia.
Para participar no Campus ofertáronse 50 prazas, as cales foron cubertas, inscribíndose nenas de 7 a 16 anos. Ademais de ximnastas monfortinas, tamén participarán doutros puntos de Galicia e España, como Valencia, Tarragona ou Madrid. O Campus contará con 3 adestradoras internacionais de excepción, que serán as que desempeñen a función de impartir o Campus.
Á súa vez, estarán apoiadas por técnicosnacionais de ximnasia rítmica e monitores de apoio que estarán pendentes dos ximnastas nos tempos de descanso e na realización das actividades de lecer:
- Hanna Rizadtinova: medallista olímpica e creadora da Rizadtinova Academy, segunda escola de ximnasia rítmica máis importante de Ucraína.
- Valeriya Yuzviak: Campioa de Europa e adestradora da Rizadtinova Academy.
- Magda Cumes: mellor preparadora física especializada en ximnasia rítmica de España.
Tamén destacou Gloria Prada que “outro dos motivos polos que o Concello colabora con este Campamento é porque facilita a conciliación das familias, xa que ofrece o servizo de “primeiros do campus” e “últimos do campus”. Isto facilitará aos pais que poidan compatibilizar tanto deixar como recoller ós seus fillos, xa que é un horario máis adaptado ao horario habitual de traballo. Durante este tempo, as ximnastas poderán realizar os seus deberes de verán, estar coas compañeiras, etc., estando acompañadas dun dos adestradores ou do propio coordinador.
“Ademais, dende o Executivo de José Tomé, coincidimos cos obxectivos que se marca este Campus que son promover e fomentar o deporte de base e en idade escolar, en concreto a ximnasia rítmica, á vez que se inculcan hábitos de vida saudables.”
Do mesmo xeito, o Campus tamén busca que os participantes socialicen entre eles e con participantes doutras cidades e países tanto durante da actividade como durante o tempo libre, e fomenta as oportunidades de participación de ambos os xéneros.
Prada tamén salientou que “non podemos esquecer que desgraciadamente Ucraína segue en guerra con Rusia, e que son moitos os cidadáns, familias, nenos e nenas, os que se tiveron que exiliar do seu país por mor deste conflito. Por ese motivo, esta iniciativa conta coa nosa colaboración, e quero aproveitar para trasladar dende o Concello a nosa solidariedade co pobo ucraíno”.
E resaltou que “que eventos desta índole aportan un impacto socioeconómico para a nosa cidade e serven para dar a coñecer Monforte e a Ribeira Sacra a todas esas persoas que veñen a impartir e a participar neste Campus Internacional.”