O Concello de Bóveda presenta o programa completo da Feira Tradicional Outrora

RibeiraSacraXa
O evento, que cumpre 20 anos, celebrarase este domingo, 14 de xullo, con diversas actividades
XX-Feira-Outrora-Bóveda
XX-Feira-Outrora-Bóveda
9 Xul 2024

O Concello de Bóveda celebra este domingo, 14 de xullo, a XX edición da Feira Tradicional Outrora de Rubián cun completo programa de actos ao longo de toda a xornada.

Ás 10.00 horas está prevista a apertura dos expositores coa participación de 35 postos de artesáns e haberá música ao longo de todo o día, festa da escuma, xogos tradicionais, a  recreación dunha malla e isco no guizo.

Con respecto ás actividades, ás 10.15 horas dará comezo unha exhibición de escultura con motoserra, ás 10.30 horas terá lugar o pasarrúas do Grupo de Gaitas Municipal de Bóveda, ás 11.00 horas abrirán os obradoiro do Centro de Artesanía e Deseño da Fundación Artesanía de Galicia e ás 11.30 horas haberá unha concentración de vehículos clásicos á par que comezará a Misa na capela do Ecce Homo.

A música seguirá ás 12:30 horas coa actuación de ‘Amigos da Pandeireta’ de Monforte e entre as 14.30 e as 16.00 horas poderase xantar nos postos dos polbeiros e nos postos instalados para a ocasión. Ademais, a partir das 16.00 horas haberá demostración participativas nos stands de Artesanía de Galicia e ás 17.00 horas darán comezo os obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño.

Pola súa parte, ás 18.00 horas levarase a cabo a festa da escuma, que dará paso ás 19.00 horas aos xogos tradicionais interxeracionais. Ás 19.30 horas a capela será o escenario do concerto da coral municipal de Bóveda e ás 20.00 horas farase unha recreación etnográfica da malla.

Para finalizar a xornada, ás 21.00 horas pecharán os expositores e media hora máis tarde comezará a actuación de ‘Xograres de Lemos’ ás 21.30 horas e celebrarase o tradicional Isco no guizo. O peche da festa corre a cargo do DJ’Vizcaíno a partir das 23.00 horas.

Ademais, o Concello de Bóveda instalará unha pantalla de televisión no espazo de celebración da Feira Outrora para que as persoas que queiran ver a final do Mundial de Fútbol non teñan que abandonar a festa e poidan seguir tamén o partido e participar das actividades programadas ao longo da tarde.

0.17776799201965