O Concello da Pobra do Brollón conta cun novo vehículo de usos múltiples
O Concello da Pobra do Brollón conta cun novo vehículo de usos múltiples destinado á atención e ao servizo das zonas rurais, adquirido co financiamento da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O vehículo estará ao dispór do persoal municipal para desprazamentos e traballos relacionados con servizos básicos como as redes de abastecemento e saneamento, a recollida de lixo e residuos ou o mantemento das vías e os espazos públicos municipais.
Entre outro equipamento, conta cun brazo elevador e unha cesta para facilitar tarefas en altura, como a reparación ou reposición de luminarias.
O alcalde da Pobra do Brollón, Xose Lois Maceda, e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacaron a importancia de que “o persoal municipal conte cos medios necesarios para atender de forma axil e eficaz o mantemento destes servizos, que son fundamentais para a calidade de vida da veciñanza” e lembraron o esforzo orzamentario e de persoal que supoñen para os concellos rurais como A Pobra do Brollón, con 22 parroquias e 118 núcleos de poboacion e unha ampla rede de vías municipais e zonas verdes”.
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación achega 90.000 euros á adquisición deste vehículo, reforzando a colaboración que a entidade provincial mantén co concello a través do Plan Deputación cun investimento previsto de 284.200 euros para 2024.