O CEIP Rosalía de Castro de Bóveda mantén aberto o prazo de matrícula
O Concello de Bóveda, a ANPA e o CEIP Rosalía de Castro lanzan unha campaña informativa para animar ás familias a matricularse no centro. O Goberno local colabora coa ANPA e co Colexio difundindo vídeos a través das redes sociais nos que se amosan as instalacións do centro e se enumeran todos os recursos cos que conta.
O CEIP Rosalía de Castro de Bóveda mantén aberto o prazo de matrícula para todos aqueles pais que desexen elixir o centro para a escolarización dos seus fillos e fillas.
Na campaña informativa, que vén de lanzarse a través das redes sociais do Concello de Bóveda, explícase por que elixir o centro. Entre as razóns, difundidas en pequenas cápsulas de vídeo; amplas instalacións recentemente remodeladas, servizo de transporte escolar, servizo de comedor con cociña propia, horto escolar ou actividades extra escolares.
Os vídeos que se comparten foron feitos coa colaboración do alumnado e dos mestres do centro, que axudan no percorrido polas diferentes instalacións, desde a entrada, pasando polas aulas, o comedor, o patio ou o horto.
Tamén se explica que cada neno ou nena dispón dun ordenador, a existencia de seccións bilingües con auxiliar de conversa nativo, o circuíto de psicomotricidade, a adscrición ao programa EDIXGAL de participación na rede galega de educación dixital, ao plan de mellora de bibliotecas escolares e ao plan de alimentación saudable.
Desde o Concello de Bóveda avanzan tamén a intención de estudar a posta en marcha dun servizo de madrugadores para o que haberá que avaliar a existencia de demanda.
As familias interesadas en obter máis información ou matricularse no CEIP Rosalía de Castro de Bóveda poden chamar ao número 982 870 095 ou escribir a ceip.rosalia.boveda@edu.xunta.gal