O BNG pídelle á Xunta que solucione os problemas de sanidade no Courel

RibeiraSacraXa
Durante boa parte do mes de outubro, a poboación de Seoane tivo que desprazarse ao Concello de Quiroga para ser atendida nun centro de saúde
Iago-Suárez-BNG
25 Out 2024

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Suárez, preguntou na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, polo feche temporal do centro de saúde de Seoane do Courel.

Iago Suárez explicou que hai uns días a poboación de Seoane do Courel, no municipio de Folgoso do Courel, coñeceu a través de varios carteles nas portas do centro de saúde que, “durante polo menos 22 días do mes de outubro, non habería atención sanitaria neste centro de saúde”. Un feito que calificou como “grave”, pois máis do 40 % da poboación de Seoane ten máis de 65 anos e moitas persoas precisan atención sanitaria practicamente diaria.

Este feito fai que durante boa parte do mes de outubro, a poboación de Seoane tivo que desprazarse ao Concello de Quiroga para ser atendida, xa que polo menos durante 17 días do mes, o outro centro de saúde do municipio (o de Folgoso) tamén está pechado. “Cando sabemos que a ambulancia que dá servizo ao Concello de Folgoso do Courel non está medicalizada, é dicir, é unha ambulancia que non leva un profesional, non leva un médico dentro” salientou que de tal forma,” é unha especie de taxi, de taxi con forma de ambulancia, que leva as persoas, pero que non hai un médico dentro”.

Varias persoas usuarias destes dous centros de saúde, tanto de Seoane como de Folgoso, fixéronlle chegar ao deputado Iago Suárez a través de varias capturas de pantalla da aplicación do SERGAS as citas dispoñibles para este mes de outubro. Suárez explicou que “tan só hai dous días nos que se pode pedir cita”, mais se unha persoa pide cita para un deses días e se achega ao centro de saúde, non será atendida por falta de persoal médico. “Pódese pedir cita a través da aplicación e que non te atenda ningún médico. Esta é a situación, esta é a realidade e isto non acepta opinións. Isto é o que pasa”.

O deputado nacionalista reclamoulle ao xerente do SERGAS que deixe a propaganda política e solucione o problema da veciñanza do Courel, así como salientar que se o goberno galego realmente quere fixar poboación no rural do noso país, “é preciso que dote de todos os servizos necesarios ás zonas máis castigadas demograficamente, e en especial a asistencia sanitaria é fundamental.

0.19392108917236