O BNG esixe ó PP na Xunta de Galicia persoal e medios para o Hospital de Monforte

RibeiraSacraXa
O BNG esixe ó goberno do PP na Xunta de Galicia persoal e medios para o Hospital de Monforte dende o Pleno provincial
efren castro bng
30 Nov 2022

O BNG trasladou ó Pleno provincial celebrado onte “os recortes e o desmantelamento dos servizos no Hospital de Monforte, que se veñen intensificando dende a supresión da área sanitaria de Monforte”.

A formación nacionalista, que nos últimos días se reuniu con membros da Xunta de Persoal do centro hospitalario, expuxo as deficiencias que “precarizan a atención que reciben as veciñas e veciños das comarcas do Sur da provincia”.

Concretamente, Efrén Castro referiuse á situación en relación con probas como os TAC, “que teñen que vir facer ó HULA", e denunciou a intención do goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia de "reducir o hospital comarcal nun PAC grande”. “Non é posible que falten especialistas en tódalas áreas e que tampouco se arranxen as máquinas”, rebateu ante os argumentos do grupo popular, que se escusou na falta de médicos.

A moción, aprobada cos votos a favor do BNG e do PSdG e a abstención do PP, recolle as demandas do Consello Municipal de Saúde de Monforte e esixe á Xunta de Galicia a cobertura inmediata das vacantes existentes nas especialidades médicas de cardioloxía, neuroloxía, dixestivo, rehabilitación e cirurxía, así como de persoal de enfermaría. Tamén reclama que se dote á unidade asistencial de drogodependencias dun médico psiquiatra.

O goberno provincial reclama máis fondos para a provincia nos orzamentos da Xunta

Do debate plenario saíu tamén unha proposta dos dous grupos do goberno provincial para reclamar máis fondos para a provincia nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2023. O voceiro nacionalista Efrén Castro fixo fincapé na necesidade dun plan de reindustralización que “faga fronte á perda de emprego industrial na comarca da Mariña, así coma investimentos en infraestruturas como a intermodal, o Plan Paradai ou a rolda Leste en Lugo, o Porto Seco en Monforte ou o desdobramento do Corredor de Nadela”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15543580055237