O BNG de Monforte pide ao goberno local que promova o aproveitamento da enerxía solar

RibeiraSacraXa
O BNG de Monforte defenderá unha moción no vindeiro pleno do Concello de Monforte relativa á bonificación do icio para instalacións de sistemas de aproveitamento de enerxía solar para autoconsumo.
Emilio Sánchez BNG Monforte
27 Out 2023

O BNG de Monforte defenderá unha moción no vindeiro pleno do Concello de Monforte relativa á bonificación do icio para instalacións de sistemas de aproveitamento de enerxía solar para autoconsumo.

En palabras do concelleiro Emilio Sánchez, “esta medida busca incentivar o uso da enerxía renovable, e esperamos que esta medida axude a diminuír o gasto da instalación do sistema”

Así, explican que o autoconsumo fotovoltaico é un dos elementos principais dentro do cambio de modelo enerxético que se quere impulsar no Estado e coa retirada do imposto solar e a redución de trabas legais e administrativas, sen taxas de autoconsumo e recoñecéndose as compensacións por excedentes e autoconsumo compartido, "pódense xerar beneficios económicos a longo prazo para os nosos veciños, ao reducir as súas facturas enerxéticas e aumentar a autosuficiencia enerxética limpa", sosteñen.

Din que a exención do ICIO para instalacións solares en tellados "non é só unha medida responsable co medio ambiente, senón tamén un investimento no futuro sostible do noso Concello". E defenden que "como son moitos os concellos que teñen unha bonificación do ICIO de entre o 30 e o 95%, cremos que se podería implantar en Monforte como incentivo da instalación desta fonte de enerxía limpa e alternativa".

Por todo isto, o grupo municipal do BNG en Monforte instará ao goberno municipal a que bonifique as instalación de sistemas de aproveitamento de enerxía solar para autoconsumos.

0.19187688827515