O BNG de Monforte critica o proxecto de urbanización da Zona D

RibeiraSacraXa
Para os nacionalistas este proxecto supón “un menosprezo para os barrios periféricos da cidade”
monforte-rua-comercio
Rúa Comercio, Monforte
30 Out 2024

“Desde o BNG de Monforte desexamos expresar a nosa profunda preocupación, polas declaracións feitas polo alcalde no pleno do mes de outubro, a respecto da política urbanística municipal”, comezan explicando os nacionalistas nun comunicado.

O BNG responde ás declaracións realizadas polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, durante a quenda posterior ao debate do pleno, onde foi rexeitada unha moción contra o proxecto da Zona D.

O concelleiro do BNG, Manuel Luaces, na súa intervención no pleno a respecto do proxecto de urbanización da Zona D, expresou o total rexeitamento deste grupo ao mesmo. Entre os argumentos expresados polo concelleiro nacionalista, destaca o feito de que, en Monforte, existen múltiples bolsas de chan urbanizables valeiras, e vivendas en estado ruinoso. “Desde este punto de vista, coa pretensión do grupo de goberno de urbanizar unha nova zona no centro da vila, non é difícil de entender que se producirá unha depreciación das propiedades e solares situados nos barrios máis afastados do centro, abocando ao seu definitivo abandono, e isto é algo realmente preocupante de cara a un completo e axeitado desenvolvemento urbano municipal”, segundo opinan os nacionalistas.

A resposta do alcalde ás palabras de Manuel Luaces son, ao entender do concelleiro nacionalista, “un completo error”.

A intención do Goberno Municipal é concentrar a poboación e a urbanización no centro da localidade, explican desde o BNG, o que para eles supón “un menosprezo para os barrios periféricos da cidade”.

0.15210294723511