Noa e Martín son os nomes máis usados nos nenos e nenas de Galicia
O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou a Estatística de nomes dos neonatos galegos correspondente ao ano 2022, que reflicte que Noa e Martín son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia.
Os nomes de mulleres máis comúns son Noa, Sofía, Valeria, Olivia e Martina, que se atopan nas primeiras cinco posicións.
En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os cinco máis frecuentes son Martín, Mateo, Leo, Lucas e Hugo. A comparativa co ano 2021 reflicte que estes eran tamén os nomes preferentes nese ano, coa diferencia de que Mateo e Martín intercambian posicións e Hugo’ estaba no terceiro lugar e no 2023 baixa ata o quinto posto, por detrás de Leo e Lucas, que ocupan o terceiro e cuarto posto, respectivamente.
Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como en 2022, no caso dos nenos, todos os nomes se manteñen na lista, agás Izan, Daniel e Alejandro que dan paso no 2022 a Thiago, Liam e Nicolás.
En canto ás nenas, no 2022 incorpóranse Alba, Alma e Antía e desaparecen do listado dos 20 primeiros Sabela, Emma e Carla.
Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación
O IGE tamén dispón da ‘Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación’ a través da cal se pode coñecer a evolución histórica dos nomes en función da comarca, o xénero ou a década (desde antes de 1930 ata a década actual).
Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome.