Monforte restrinxe o uso das instalacións municipais

RibeiraSacraXa
Ante as novas medidas para frear a propagación do covid-19, o Concello pecha boa parte das súas instalacións deportivas e culturais
27 Xan 2021

O Concello de Monforte informou das novas medidas que afectan ás instalacións municipais, tralas novas restricións adoptadas para frear a propagación da covid-19. Nos recintos afectados, o Concello colocou o correspondente cartel informativo no que se especifica, si é o caso, o peche da instalación ou se inclúen as normas de uso, de hixiene, de uso obrigatorio de máscara, de distanciamento social e o aforo máximo permitido en cada caso.

INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

Pechan ao público as instalacións deportivas para a práctica de actividade física non federada e federada de nivel autonómico, tanto para adestramentos como para competicións:

  • Piscina climatizada municipal, ximnasio e pistas de tenis, así como a súa cafetería.
  • Estadio municipal da Pinguela e Pistas de Atletismo Saleta Fernández López.
  • Campo municipal de fútbol Luís Bodegas.
  • Pavillón municipal da Pinguela.
  • Pavillóns polideportivos escolares con convenio coa Consellería de Educación.

As instalacións deportivas mencionadas poderán permanecer abertas no caso da celebración de adestramentos ou competicións de ámbito estatal. Neste caso, aqueles deportistas de ámbito estatal que precisen realizar os seus adestramentos deberán contar, obrigatoriamente, coa correspondente certificación federativa que acredita esta situación.

INSTALACIÓNS CULTURAIS

Pechan ao público estas instalacións culturais:

  •  Biblioteca Municipal
  •  Auditorio do Edificio Multiusos
  • Casa da Cultura.

Ademais, quedan suspendidas todas as actividades culturais e expositivas previstas en dependencias municipais. Neste senso, o Concello anunciou o aprazamento, previsiblemente para maio, da obra de teatro que se ía representar mañá xoves 28 no Edificio Multiusos.

OUTRAS DEPENDENCIAS MUNICIPAIS

  • Pechan a Tapería do Centro do Viño e a cafetería do Centro cívico
  • Suspéndense as clases da Escola de Música e Danza e as clases presenciais do Conservatorio Municipal (neste caso sí haberá clases online). 

FEIRA DO MERCADO GANDEIRO

A Feira do Mercado Gandeiro de Monforte, que se celebra os días 6 e 24 de cada mes, abrirá coas seguintes restricións:

  • Limitación do aforo da Feira: 50% da súa capacidade no que se refire a postos dos comerciantes, e limitacións tamén de aforo no acceso de clientes.
  • En canto á instalación dos postos, terán preferencia aqueles relacionados cos produtos de primeira necesidade (alimentación), accedendo ó recinto feiral o resto de postos por orde de chegada, ata completar o aforo indicado do 50%.
  • Establecerase o correspondente distanciamento entre os postos instalados.
  • No caso dos postos de polbo, non se poderá degustar na Feira e só estará permitido mercalo no espazo habitual e levalo para consumir no domicilio.
0.17471098899841