Monforte impartirá cursos sobre o uso do sistema de identificación de parcelas agrarias

RibeiraSacraXa
O concello de Monforte impartirá varios cursos sobre o uso do sistema de identificación de parcelas agrarias
parcelas agrarias
12 Sep 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Centro de formación e experimentación agroforestal de Monforte de Lemos varios cursos sobre o uso do sistema de identificación de parcelas agrarias, coñecido como SIXPAC. Estes obradoiros impartiranse desde o luns 19 ao venres 23 de setembro en horario de mañá, dende as 10.00 horas ata as 14.15 horas. En total serán cinco cursos, un por día.

O programa destes cursos aborda unha serie de nocións teóricas e prácticas sobre correcto funcionamento desta ferramenta, fundamental para a xestión e control dos réximes de axuda baseados en superficies. Estas iniciativas están dirixidas á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende achegar neste caso coñecementos aos alumnos sobre as pautas necesarias para presentar a declaración de superficies e as solicitudes de cambio de datos relativos aos usos do solo contido no sistema. Así mesmo, os asistentes recibirán consellos de ciberseguridade para a prevención de riscos relacionados con esta materia.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103 ou enviar un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.

0.15406107902527