Monforte imparte cursos para persoal de granxas de gando porcino
A partir do vindeiro xoves 10 de novembro e durante catro días, o concello de Monforte impartirá varias xornadas sobre capacitación para o persoal de granxas de gando porcino.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto desenvolver estes dous obradoiros semipresenciais que se celebraran no Centro de Formación e Experimentación Agraria. O primeiro deles terá lugar o xoves 10 e o venres 11 de novembro impartirase o segundo, ambos ó longo de catro días (tres online e un presencial) en horario de 16.00 a 20.00 horas.
O obxectivo destas formacións é que os alumnos adquiran as competencias necesarias para o traballo profesional no sector porcino, incluíndo aspectos fundamentais en materia de produción, sanidade animal, bioseguridade e aspectos medio ambientais. Para iso, o curso elaborouse de acordo ao contido establecido no anexo III do Real Decreto 306/2020, onde se atopa a regulación deste eido produtivo.
Os cursos están dirixidos á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas
Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.