Monforte ilumina de verde a Torre da Homenaxe no Día Mundial contra a ELA
Como xesto simbólico e en sinal de apoio ás persoas con ELA (Esclerosis Lateral Amiotrófica), o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que este venres día 21 de xuño procederase á iluminación da Torre da Homenaxe de San Vicente de cor verde con motivo do Día Mundial contra a ELA. “Dende o Concello de Monforte, sumámonos a esta iniciativa e queremos facela extensiva a toda a cidadanía iluminando de verde a Torre da Homenaxe, pois é unha enfermidade que necesita ser coñecida dado que hai 4.000 persoas enfermas de ELA en España”, destaca o alcalde.
Con motivo de este día, a Asociación Galega de Afectados de Esclerosis Lateral Amiotrófica (AGAELA) e o resto de asociacións pertencentes á Comunidade da ELA, lanzan a Campaña #LuzporlaELA2024, na que edificios e monumentos de toda España se iluminarán de cor verde co obxectivo de visibilizar a enfermidade e apoiar ás persoas enfermas para concienciar á sociedade. En Galicia iluminaranse máis de 80 edificios e monumentos.
Deste xeito, dende estas organizacións anímase a toda a cidadanía a enviarlles fotos dos edificios e monumentos iluminados de verde e a difundilo nas redes sociais co hashtag #LuzporlaELA.