Monforte de Lemos acendeu a iluminación de Nadal onte
Na tarde de onte, ás 18:30 horas, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acendeu oficialmente a iluminación de Nadal 2021, acompañado pola Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luís Losada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, a Concelleira de Consumo, Regina López, o concelleiro de de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz e o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé.
O acendido oficial tivo lugar na Praza de España, diante dun novidoso cono de 14 metros de alto a modo de árbore de Nadal co que, en verbas do Alcalde “queremos transmitir unha nova esperanza, para que a xente poida facerse fotos no seu interior e para inxectar ilusión e alegría nas persoas que viven ou que visitan Monforte” .
Nun ano que seguiu sendo difícil pola incidencia da Covid-19, o Equipo de Goberno monfortino decidiu investir 50.000 euros no alumeado de Nadal deste ano, cifra que case duplica ós 28.000 euros investidos en 2020.
”Isto supón a maior inversión en alumeado de Nadal na historia de Monforte, cun incremento en relación co ano anterior, de 22.000 euros, o que representa un 78,5% de aumento”, subliñou o rexedor monfortino. “O impulso ó alumeado de Nadal, é un dos primeiros pasos para volver a esa nova normalidade que todos desexamos, aínda que sexa coa debida prudencia”.
En total, superaranse as 50.000 luces, pasando de 32.000 a máis de 50.000, é dicir, case 20.000 máis que en 2020, co obxectivo de dinamizar o Nadal en Monforte.
O alumeado apagarase o domingo día 9 de xaneiro, permanecendo en servizo 38 días.
A maior inversión en alumeado de Nadal da historia de Monforte
Para este ano 2021, o Equipo de Goberno aumentou significativamente o número de arcos colocados, que son 70 arcos máis de novo deseño, pasando de 162 en 2020 a 232 neste ano 2021.
Así, mantense o mesmo número de rúas con arcos de Nadal, “porque consideramos que damos cobertura a toda a cidade, para que todos os veciños e veciñas de Monforte, sintan de cerca o espírito de Nadal, por ser posiblemente as festas máis familiares do ano”, sinalara José Tomé o día en que presentou a campaña.
Os arcos de Nadal son de Led, de baixo consumo e maior visibilidade, dando resposta a un alumeado máis intenso que coas luces convencionais.
Ademais das 64 rúas iluminadas con arcos, tamén están adornadas a Torre da Homenaxe, a Praza de España, o Campo de San Antonio, a Praza de Carude, a Praza dos Chaos, a Praza da Estación, e 7 arcos de “Bo Nadal” que se ubican nas entradas á cidade de Monforte.
Tamén foi adornado coa Estrela de Nadal o cedro que se atopa entre a Praza das Casitas e a explanada da Compañía, “como unha guía que nos conduza cara a un ano mellor para todos”.
Para complementar o alumeado de Nadal, tamén funcionarán as fontes da cidade todos os días como si fose en horario de verán, de xeito particular, as fontes que teñen iluminación, como a da Estación, a das Casitas ou a do Parque da Compañía.
“O desexo do Concello” concluíu o Alcalde, “é que este amplo dispositivo de Nadal, sirva para animar á xente a saír á rúa, a mercar no comercio local, que anime e que alegre a vida dos nosos veciños e veciñas, e que en definitiva sexa o principio dun ano e dunha vida normal”.