Melloras de eficiencia enerxética nas vivendas tuteladas e o centro de día de AGORA en Monforte
A asociación AGORA de Persoas con Discapacidade de Monforte de Lemos, entidade que forma parte de COGAMI, co fin de mellorar as instalacións do seu centro de día e as vivendas tuteladas para persoas con discapacidade, puxo en marcha este ano un proxecto de instalación de caldeiras e renovación de fiestras.
Esta renovación ten por obxecto mellorar a eficiencia enerxética e a redución do consumo, como se recolle nunha das liñas dos ODS da Axenda 2030, na que se promove garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, fiable, sostible e moderna para todas as persoas. As persoas beneficiarias deste proxecto son as usuarias que acoden os recursos que diariamente presta a entidade e que proceden dende diferentes concellos: Monforte de Lemos e arredores, A Pobra do Brollón, Bóveda, O Saviñao e Sober.
Tras levar a cabo estas obras haberá unha mellora no aforro enerxético que repercutirá na calidade de vida das persoas usuarias das vivendas e das instalacións do centro de día, xa que contarán cunhas instalacións máis eficientes e renovadas.
Para a mellora destas instalacións, a asociación AGORA contou cun orzamento de 27.580,32 euros que proceden do 0,7% do IRPF a través de todas as persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 de Actividades de Interese Xeral para Fins de Carácter Social, máis coñecida por X Solidaria, que xestiona a Xunta de Galicia.
AGORA
É unha entidade sen ánimo de lucro que xurde no ano 1992 coa misión de defender os dereitos das persoas con discapacidade da comarca de Lemos para acadar unha plena participación na sociedade. Actualmente conta con 89 persoas asociadas e atende diariamente nos diferentes programas e servizos que desenvolve a 28 persoas con discapacidade.