Mañá abre o prazo para solicitar os bonos Impulso

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os veciños e veciñas da provincia de Lugo poderán solicitar os Bonos Impulso da Deputación dende mañá martes.
presentacion bonos impulso deputacion comerico hostalaria
31 May 2021

A institución provincial repartirá 17.000 descontos nominativos de 30€, para compras dun mínimo de 60€, que poderán solicitarse ata o día 21 de xuño. Os beneficiarios terán de prazo para utilizalo dende que o reciban ata o 31 de agosto.

Mañá martes abrirá o prazo para que a veciñanza da provincia solicite os Bonos Impulso da Deputación de Lugo. A institución provincial repartirá 17.000 descontos nominativos de 30€, para compras dun mínimo de 60€, que poderán solicitarse ata o día 21 de xuño e gastarse en calquera comercio, negocio de hostalería e servizos dende a súa recepción e ata o 31 de agosto deste ano. Con esta medida, que forma parte do Plan Impulso da Economía da Provincia da Deputación, mobilizarase máis de 1,5M€ nos sectores máis afectados pola crise sanitaria grazas ao seu efecto multiplicador.

Na páxina web da Deputación de Lugo habilitarase un espazo no que, durante 15 días hábiles, todos os maiores de 18 anos empadroados na provincia poderán pedir o seu desconto para gastar nos establecementos adheridos do seu concello, unha medida que naceu co propósito de xerar actividade económica nos 67 municipios que conforman a provincia de Lugo. A solicitude realizarase a través da sede electrónica ou mediante o procedemento habitual, presentando a documentación nas oficinas de rexistro.

En cada concello haberá un reparto equitativo dos bonos seguindo criterios obxectivos, como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a iso, a Deputación establece un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes. Cada beneficiario deberá  usar o seu Bono nos establecementos adheridos ao concello no que reside, agás que non haxa ningún inscrito.

Os bonos poderanse gastar en todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos, agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías. Asignaranse por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello, e fixando nesta primeira fase de asignación un máximo dun bono por persoa. Os beneficiarios recibirán na súa casa, a través de correo postal, o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono será nominativo, é dicir, levara o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra. De non esgotarse todos os bonos nesta primeira fase de solicitude, a Deputación de Lugo habilitará novos prazos e realizará sorteos entre aqueles cidadáns interesados en participar no programa.

Na páxina web da Deputación hai habilitado un espazo específico e visual onde os interesados poden encontrar información útil sobre a campaña. Así mesmo a institución provincial ten habilitado o teléfono 982.260.204 e o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org para calquera dúbida que poida xurdir.

O vindeiro martes a institución provincial publicará a listaxe dos preto de 700 establecementos da provincia participantes na campaña. Técnicos da institución provincial visitarán cada un deles para explicarlles o funcionamento dos Bonos Impulso de xeito individualizado e entregarlles un distintivo da súa adhesión no programa. Un cartel que deberán colocar nun lugar visible, facilitando así que a veciñanza saiba en que establecementos poderá canxear os descontos.

Efecto multiplicador

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que a institución provincial destina 510.000€ para os Bonos Impulso, “unha inxección económica moi relevante en termos de consumo porque segundo os estudos económicos dos técnicos o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres”. Tomé explicou que “unha gran parte dos autónomos e das pequenas empresas atravesan momentos difíciles,  por iso queremos axudar á súa recuperación con esta importante medida. Os Bonos Impulso da Deputación son un incentivo para apoiar ás empresas e ás familias, promoven a actividade nas tendas de barrio e nos negocios de sempre, e axudan á concienciación da relevancia social que teñen no noso día a día”, incide Tomé Roca.

Así mesmo, o mandatario provincial recalca que esta medida “é unha inxección directa de recursos nos sectores máis afectados pola pandemia, crean valor engadido e xeran un efecto multiplicador na economía porque, como sempre dixemos, queremos unha recuperación sostible no tempo, unha recuperación estable e unha recuperación eficaz do tecido produtivo”. Á súa vez, lembrou que “o papel das Deputación é este, o de colaborar cos concellos e colaborar co tecido produtivo con actuacións de impulso, de promoción e de recuperación da economía”.

0.14180898666382