Laura Ballestrino ofrece un concerto de piano o sábado en Sober

RibeiraSacraXa
O Concello de Sober e as Xuventudes Musicais de Sober organizan o ciclo ‘Primavera Musical’ que este sábado 25 de marzo
laura ballestrino piano concerto
23 Mar 2023

O Concello de Sober e as Xuventudes Musicais de Sober organizan o ciclo ‘Primavera Musical’ que este sábado 25 de marzo trae á localidade á pianista Laura Ballestrino. A actuación, que será de balde ás 19.30 horas no Centro Sociocultural, forma parte das actividades programadas no marco do Mes do Amandi.

O espectáculo

‘États d'âme’ -estados da alma- é o título que deu o compositor ruso Alexander Scriabin á súa Sonata nº 3, e tamén é o título escollido para o concerto do sábado. “Alma” provén do grego anemos (vento, sopro, respiración) e, segundo os antigos filósofos gregos, é a música quen move os estados da nosa alma. Pero ao longo da historia, a linguaxe da música foi transformando a súa forma de expresión ata chegar ao Romanticismo, momento clave onde se comeza un camiño sen retorno cara a unha comunicación máis emocional, espontánea, humana e visceral. Nas 4 pezas elixidas para este concerto, cada autor romperá as regras do seu tempo para descubrir novas sensibilidades, novos sentimentos, novos estados da alma.

A pianista

Laura Ballestrino é unha das grandes promesas da música clásica en España, sendo galardoada co Primeiro Premio nos prestixiosos concursos Mocidades Musicais de España, María Ferreiro e Gran Klavier, ademais de premios especiais en Compositores de España e Intercentros Melómano. Actuou nalgunhas das salas máis importantes do país como o Auditorio Nacional de Música de Madrid, o Ateneo de Madrid, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando ou o Auditorio Joaquín Rodrigo, entre outros.

Debutou aos 15 anos no Teatro do Bosque como solista coa orquestra sinfónica do Conservatorio Rodolfo Halffter, onde se graduou co Premio Extraordinario Fin de Grao en 2018 baixo a tutela da mestra María García. Cursa os seus estudos superiores no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid coa catedrática de piano Elena Orobio. Desde 2019 estuda co pianista e pedagogo Leonel Morais no centro de alto rendemento Musical Arts (Madrid), onde foi premiada en 2021 co Diploma de Virtuoso.

Máis aló da súa traxectoria como intérprete clásica, Laura traballa en varios proxectos de estilos musicais moi diversos. Actualmente compón e produce a Banda Sonora Orixinal do videoxogo Archaelund, e ao mesmo tempo prepara proxectos escénicos relacionados co jazz-fusión.

laura ballestrino sobre concerto
0.21534705162048