Julio Álvarez, alcalde de Quiroga, despídese do Concello
A Corporación Municipal do Concello de Quiroga celebrou a derradeira sesión plenaria da lexislatura, durante a cal Julio Álvarez, que xa non se presenta aos próximos comicios, aproveitou para despedirse da corporación agradecendo aos que lle acompañaron "o traballo feito, cunha oposición que soubo estar á altura das circunstancias facendo un mandato honesto e leal desde o punto de vista democrático”.
Ademais, Julio Álvarez desexoulles sorte aos concelleiros que se presentan para as vindeiras eleccións, reiterando unha vez máis que esta corporación foi “unha referencia de como se debe xogar en política, mantendo cada un o respecto e a consideración cara os demais membros da mesma”.
Últimos movementos de Álvarez
Un dos últimos movementos políticos do actual rexedor de Quiroga, Julio Álvarez, foi pedir a dimisión da directora da Escola Infantil A Galiña Azul de Quiroga debido a que "non informou ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, propietaria do inmoble, da situación na que se encontra este centro infantil".
Así, explicou que os pais e nais dos alumnos deste centro educativo escribiron unha carta informando de danos na cuberta que producen filtracións, humidades nas paredes, e mal estado do chan tanto no patio como no interior da edificación.
O rexedor local, que se comprometeu a falar coa xerencia do consorcio para saber si están informados desta situación, dixo que de non ser así, "a dirección do centro terá que responder por non comunicar unha situación que considera preocupante, porque se non informou, haberá que cambiar a dirección”.