José Tomé Roca recibiu ao piloto monfortino Eduardo Iglesias, tras o seu paso polo Rally Dakar
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu no Pazo de San Marcos ao piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, que participou por cuarto ano consecutivo no Rally Dakar 2023, no que tivo que retirarse de forma prematura por un accidente. A institución provincial foi un dos principais patrocinadores de Iglesias, que levou a imaxe da provincia tanto na moto, como na súa vestimenta, na que é a proba de motor máis grande do mundo.
Durante o encontro, José Tomé amosou a súa satisfacción pola súa rápida recuperación, e destacou o espírito loitador do deportista tras volver con ilusión aos adestramentos para preparar a próxima temporada. O presidente trasladoulle ao deportista que na Deputación seguirá tendo un aliado para seguir coas súas metas deportivas, porque, subliñou, “apoiamos o talento e o esforzo dos deportistas da nosa provincia en todos os niveis e porque eventos de alcance internacional como é o Rally Dakar supoñen un elemento de promoción do patrimonio da provincia de Lugo moi importante”.
No acto institucional, o piloto monfortino estivo acompañado por Jesús Veloso, membro do seu equipo deportivo. Iglesias agradeceu ao presidente o apoio sempre mostrado pola institución provincial, e como mostra delo fíxolle entrega dunha camiseta conmemorativa, unha placa, así como un dossier no que se recollen todos os aspectos da súa participación nesta última edición do Rally Dakar, que inclúe fotografías, e a presencia que esta proba deportiva ten nos medios de comunicación nacionais e internacionais, entre outros aspectos.
A Deputación de Lugo vén patrocinando dende o primeiro ano ao piloto lucense na súa participación no Dakar, o rally máis grande do mundo. Iglesias foi o único piloto galego de motos que conseguiu rematar esta dura proba na que competiu por cuarto ano consecutivo. No 2020 acadou o posto 94, no 2021 finalizou no posto 53, e no 2022 quedou de 78 na xeral de motos. As súas vindeiras metas están postas no campionato de Europa en Grecia que se disputará en maio, e no que o pasado ano quedou subcampión.