José Tomé recibe a expertos internacionais para abordar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte de Lemos reuniuse José Manuel Silva e Andreu Mas-Colell para a abordar a situación actual de Monforte e a Ribeira Sacra
José Tomé nun encontro con José Manuel Silva e Andreu Mas-Colell
José Tomé nun encontro con José Manuel Silva e Andreu Mas-Colell
29 Out 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu onte, luns 28 de outubro, no seu despacho da Casa do Concello a Jose Manuel Silva, “Cuqui Silva”, que desempeñou importantes cargos na Unión Europea, entre eles Director Xeral de Agricultura, e a Andreu Mas-Colell, un dos grandes microeconomistas actuais e que foi, entre outros cargos, Conseller de Economía no Goberno de Cataluña. O Alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

No marco desta recepción oficial, que xurdiu logo dunha invitación cursada polo alcalde monfortino, desenvolveuse unha reunión de traballo, “na que abordamos a situación actual de Monforte e a Ribeira Sacra, á vez que analizamos as posibilidades de xestionar e obter posibles axudas europeas para o noso territorio”, destacou José Tomé.

Do mesmo xeito, os tres mandatarios acordaron seguir en contacto para seguir explorando opcións de futuro encamiñadas ó desenvolvemento de proxectos de índole económica para a comarca de Lemos e o sur da provincia de Lugo.

O Alcalde tamén puxo en valor a importancia da visita de Silva e Mas-Colell, porque “adquiriron o compromiso de ser embaixadores de Monforte como capital da Ribeira Sacra, algo que dende o Concello lles agradecemos”.

O chantadino José Manuel Silva, coñecido como “Cuqui” Silva, é enxeñeiro agrónomo e ten unha dilatada carreira na Comisión Europea, ocupando durante 30 anos postos de gran relevancia no organismo europeo como director xeral de Agricultura e Investigación (entre os anos 1999 e 2005) e Director Xeral de I+D+i (entre os anos 2006 e 2010) en Bruxelas. Sendo unha das carteiras máis importantes da UE, que xestiona arredor do 40% do orzamento comunitario.

Entre outros moitos cargos, recentemente foi nomeado membro do Consejo para la Investigación y la Innovación de Cataluña (CORICAT), que é o órgano consultivo do goberno catalán para tomar decisións estratéxicas sobre ciencia e innovación.

Andreu Mas-Colell é un político e economista catalán experto en microeconomía. Foi fundador da “Barcelona Graduate School of Economics” (Barcelona GSE) e foi profesor do Departamento de Economía da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Tamén foi responsable de Economía no Goberno da comunidade autónoma de Cataluña.

Traballou como profesor na Universidade de Berkeley do 1972 ao 1981. En 1988 obtivo a primeira cátedra de Economía Louis Berkman da Universidade de Harvard, debido a que desempeñou ata 1995, cando se trasladou á Universidade Pompeu Fabra, onde imparte clases na actualidade.

É un dos grandes microeconomistas actuais. É coautor xunto a Michael Whinston e Jerry Green de Microeconomic Theory (1995), que é o manual sobre microeconomía de referencia en todo o mundo.

En 1993 foi presidente da Econometric Society. Foi editor, entre outras, da revista científica Econometrica (a máis influente dentro da economía, xunto a American Economic Review), entre 1988 e 1992, e en 1988 obtivo o Premio Rey Juan Carlos I de Economía.

Desde 1997 é membro da Academia Europea de Ciencias e Artes. Gañador do Premio Nacional de Investigación Pascual Madoz, en Dereito e Ciencias Económicas e Sociais no 2006. Galardoado co Premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento 2009 na categoría de Economía, Finanzas e Xestión de Empresas.

Entre abril do 2000 e decembro do 2003, foi Conseller de Universidades de Cataluña, co goberno de CiU, e Conseller de Economía no Goberno de Artur Mas de 2010 a 2016. En 2009 foi galardoado co Premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento na categoría de Economía, Finanzas e Xestión de Empresas xunto a Hugo Sonnenschein.

0.18643689155579