José Tomé inaugurou o Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou o Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica que se celebra en Monforte dende hoxe luns 24 e ata o venres 28 de xuño no Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela.
No acto, estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e pola directora deportiva do Club Quicela, Jessica Quiroga, club que organiza o Campus coa colaboración do Concello de Monforte, que achega unha axuda de 3.000 euros para o Campus.
O rexedor monfortino conversou sobre as particularidades deste Campus coas 3 adestradoras internacionais que imparten este Campus, Hanna Rizadtinova, que é medallista olímpica e creadora da Rizadtinova Academy, segunda escola de ximnasia rítmica máis importante de Ucraína; Valeriya Yuzviak, Campioa de Europa e adestradora da Rizadtinova Academy; e Magda Cumes, mellor preparadora física especializada en ximnasia rítmica de España.
O venres 28 a partir das 18.30 horas, como colofón do Campus, celebrarase unha gala-exhibición de todas as participantes no Polideportivo Municipal da Pinguela sendo para todos os asistentes a entrada gratuíta.
O programa de contidos do Campus conta con sesións de aprendizaxe, masterclass internacional e exhibición final das participantes. O Campus está dirixido a nenos e nenas en idade escolar, a partir de 7 anos. As participantes están divididas en grupos seguindo un criterio de nivel individual e idade para realizar os grupos o máis homoxéneos e equilibrados posible.
O número de ximnastas é de 25 máximo en cada grupo. Agárdase a presenza de ximnastas estranxeiras, chegadas de países como Bulgaria, Ucraína, Portugal, México ou Italia.
Para participar no Campus ofertáronse 50 prazas, as cales foron cubertas, inscribíndose nenas de 7 a 16 anos. Ademais de ximnastas monfortinas, tamén participarán doutros puntos de Galicia e España, como Valencia, Tarragona ou Madrid.