José Tomé homenaxeou aos deportistas do Club Quixós que estiveron no Campionato de Europa de Augas Bravas Junior e Sub-23
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, homenaxeou aos 5 deportistas do Club Quixós de piragüismo polos excelentes resultados que acadaron no Campionato de Europa de Augas Bravas Junior e Sub-23, celebrado en Dallenwil (Suíza) do 3 ao 6 de xullo de 2024.
Os cinco deportistas pecharon un gran campionato no que destaca a medalla de bronce de Noa Díaz Quintián e Ximena Prats Moreiras na modalidade C1 patrullas e na modalidade clásica C2. Os outros tres deportistas homenaxeados que tamén participaron neste campionato foron Efrén Álvarez Vázquez, Gabriel Rodríguez López e Jacobo Rodríguez López.
No acto de recoñecemento, os atletas recibiron un trofeo individual personalizado en recordo dos éxitos acadados en cada caso. O rexedor monfortino tamén fixo entrega dun trofeo conmemorativo para o Club, que recolleu o presidente do Quixós, Iván Gutiérrez, e o seu director deportivo, Santi Díaz.
Pola súa parte, os deportistas do Quixós fixéronlle entrega ao alcalde dun obsequio de agradecemento polo apoio ao Club demostrado durante estes anos que consiste nun póster enmarcado con fotografías dos deportistas no Campionato de Europa e asinado polos participantes do Clube Quixós. Tomé recibiu emocionado este fermoso recordo dos atletas con momentos tan especiais da competición.
O alcalde, en nome de todos os monfortinos, felicitou aos deportistas asistentes e agradeceu os éxitos acadados, “pois serven para que Monforte estea moi ben representado na elite do deporte español, europeo e mundial”.
Por outra banda, o rexedor tamén recordou que “dende o Equipo de Goberno puxemos en marcha no ano 2022 unha liña de axudas dotada con 12.000 euros, e destinadas a axudar ós clubs monfortinos que participen en campionatos de España, de Europa ou do Mundo. Esta liña de axudas é independente da subvención nominativa que cada club ten asignada, e o obxectivo da mesma e contribuír a sufragar os gastos que lle supón a un club deportivo clasificarse para unha competición fora da Comunidade Autónoma e incluso fora de España e de Europa”, explicou o rexedor monfortino.
José Tomé concluíu o acto, animando ós deportistas a que “sigan traballando para acadar novos éxitos para o deporte monfortino, e agradeceu o apoio das súas familias, que tamén son peza fundamental na consecución destes logros”.