José Tomé destaca nunha xornada en Monforte a importancia da colaboración institucional para dinamizar o rural

RibeiraSacraXa
“Dende a Deputación, vimos colaborando cos concellos do rural para esixir que nestes se presten os servizos públicos coa mesma calidade e universalidade que se fai nas cidades", destacou
José Tomé e Manuel Campo Vidal
José Tomé e Manuel Campo Vidal.png
7 Nov 2024

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xuntoao xornalista e doutor en Socioloxía Manuel Campo Vidal, inaugurou este mércores no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, a xornada presencial do curso Especialista en Territorio Rural Intelixente. Esta segunda edición da acción formativa,promovida pola institución provincial e impartida pola Cátedra de Despoboación e Reto Demográfico, ten como obxectivo proporcionar aos axentes económicos e sociais da provincia máis coñecementos e ferramentas para dinamizar o territorio e fixar poboación.

Durante a inauguración, José Tomé subliñou a importancia da colaboración da Deputación de Lugo cos concellos como estratexia fronte ao reto demográfico, resaltando que esta iniciativa “serve como exemplo do que se está a lograr no rural”, e enfatizou que poderíamos avanzar significativamente máis “se todas as administracións asumisen as súas competencias” e desenvolveran políticas públicas que promovan “a plena igualdade e o equilibrio territorial”.

“Dende a Deputación, vimos colaborando cos concellos do rural para esixir que nestes se presten os servizos públicos coa mesma calidade e universalidade que se fai nas cidades. Porque os dereitos constitucionais dos cidadáns non poden variar ou diminuír en función do lugar de residencia”, afirmou Tomé Roca. Esta acción formativa, que comezou o 25 de outubro e se desenvolverá ata o 15 de decembro, reúne preto de 100 participantes e aborda áreas fundamentais como a organización de proxectos, a sustentabilidade, a dixitalización e a comunicación.

O mandatario provincial eloxiou tamén a preocupación de Campo Vidal polo rural, que concorda “coa mesma visión e a mesma preocupación polo rural que temos na Deputación de Lugo”. Un rural que, segundo dixo, “é intelixente, ten xente chea de ideas, de propostas de innovación, pero que necesita formación e canles para levar esas ideas adiante”. Tamén indicou que o rural “debe darse a coñecer e atopar o seu lugar nas novas canles que ofrecen as tecnoloxías da información, converténdose no mellor voceiro de si mesmo e atraendo a outros que poidan axudar a difundir o seu potencial”.

Así mesmo, Tomé Roca subliñou que, nos últimos vinte anos na provincia de Lugo, “moitos concellos do rural viron marchar entre un 30% e un 50% das mulleres”. Uns datos, destacou, que reafirman a idea de que “ningún avance no rural será posible sen aplicar o sentido común da socioloxía, que nos di que a xente non quere vivir onde non hai servizos públicos”.
O curso ofrece un total de 20 horas de formación na modalidade online e presencial,e busca capacitar os participantes para que poidan contribuír de maneira activa á recuperación e innovación das zonas rurais, favorecendo así o seu futuro desenvolvemento.

0.18834400177002