José Tomé denuncia que "Monforte sofre unha gran discriminación orzamentaria por parte da Xunta"
O equipo de Goberno de Monforte de Lemos denuncia "a estratexia de castigo e discriminación da Xunta de Galicia aos veciños e veciñas de Monforte" trala argumentación feita no Pleno do pasado 31 de xullo por un dos concelleiros do Partido Popular, o Sr. José Luis Rodríguez Varela, do método de distribución de orzamentos que fai a Xunta de Galicia entre os concellos da nosa comunidade.
Así, desde o goberno local din que "resulta totalmente partidista e depende do partido político ao que pertenezca o equipo de Goberno de cada un dos concellos". Din que a Xunta "non aporta axudas ao noso concello co único propósito de prexudicar ao goberno municipal, tratando de impedir que o alcalde da cidade poida conseguir máis éxitos na súa xestión só por ser do PSOE".
"Monforte sofre unha discriminación no reparto de orzamentos da Xunta de Galicia", expoñen desde o goberno local e reivindican "un trato xusto que se corresponda coa realidade de ser a segunda cidade da provincia e co dereito de ofrecer aos cidadáns, unhas prestacións en consonancia con esta realidade, que é o que se merecen os monfortinos".
Necesidades en Monforte
O equipo de Goberno leva anos reivindicando a necesidade de rematar o Porto Seco, dereito non recoñecido pola Xunta que se mantén impasible, mentres en concellos moi próximos, como o de Bóveda, a Consellería de Economía e Industria declaraba que xa no ano 2015 que a colaboración con Bóveda ascendía a preto de 5.000.000 de euros nos últimos 6 anos, cantidade incrementada nos últimos anos en 1,6 millons de euros repartidos en 8 polígonos industriais lucenses (Bóveda, Baleira, Cospeito, Sarria, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Cervo e Xove) entre os que non figura Monforte, "que leva co Porto Seco paralizado, por mor da Xunta, dende fai décadas", denuncian.
Ademais, tamén falan da escola infantil pública, "tan demandada polos monfortinos e que é responsabilidade da Xunta", que serve para garantir a conciliación familiar e fixar poboación, "e que a Xunta non quere facer en Monforte, mentras que noutros concellos da comarca con menos poboación como Chantada, Pantón, Taboada, Quiroga... teñen galiña azul".
Por outra parte, a xestión de Augas de Galicia "tamén castiga a Monforte sen retornar un só euro do recadado aos nosos veciños do canon da auga, mentres si o fai noutros concellos con necesidades parecidas ao noso, donde incluso se fixeron novas redes de abastecemento nas parroquias", sosteñen.
Recalman que tamén hai "inversións millonarias en concellos veciños, como o Centro de Saúde do Saviñao, no que a Xunta investiu 1,12 millóns de euros, mentras o Hospital de Monforte reclama constantemente máis especialistas e medios que resultan insuficientes para poder ofertar unha sanidade de calidade".
O Saviñao tamén se beneficiou da modernización da estación de tratamento de auga potable cunha inversión de case 60.000 euros e para o mesmo concepto en Sober, cunha inversión de 32.000 euros, mentres Monforte "segue esquecida pola Xunta, a pesar de denunciar a necesidade de mellora da rede de saneamento e abastecemento de auga que este equipo de Goberno herdou, pola nula xestión neste ámbito dos gobernos anteriores, e que dende que Tomé é alcalde se está a solucionar con inversións millonarias e moitos esforzos, pero sen ningún apoio da Xunta de Galicia nin preocupación ningunha, mais alá de criticar os servizos existentes cando surxe algunha contrariedade".
"Castigar á xente de Monforte"
En definitiva, tal e como afirmou o outro día no Pleno o Concelleiro citado, a estratexia política preparada pola Xunta de Galicia consiste en "castigar á xente de Monforte, negándolle investimentos necesarios, coa intención de obstaculizar que o Concello teña ingresos por ser o equipo de Goberno do PSOE".
O equipo de Goberno considera que hai que pedirlle responsabilidades a Katy Varela, voceira do Partido Popular, por permitir que un concelleiro do seu equipo comentara algo tan grave nunha sesión plenaria; e despois do periodo vacacional, trasladará ao Presidente da Xunta as manifestacións do Partido Popular de Monforte nas que se admite que prexudican deliberadamente ao Goberno municipal do PSOE, para pedirlle explicacións.
"Por fin, demóstrase e admítese publicamente que a Xunta de Galicia ten abandonada a nosa cidade premeditadamente, pero a pesar dos obstáculos que poñen, Monforte está en racha e crece e mellora, aínda que non grazas ao PP nin á Xunta de Galicia", sentenciou o alcalde, José Tomé.