Isabel Rodríguez presidiu a Xunta de Seguridade da competición automobilística da Subida a Chantada

RibeiraSacraXa
A subdelegada afirmou que o compromiso e o traballo da Escudaría Chantada, así como o apoio das institucións e patrocinadores, “son a base do seu éxito"
seguridade-Subida-a-Chantada
16 Xul 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, renovou a colaboración do Goberno de España coa competición automobilística da Subida a Chantada, que se desenvolverá do o 26 ao 28 de xullo e que cumpre medio século de vida.

Isabel Rodríguez presidiu a Xunta de Seguridade xunto ao tenente de alcalde, Manuel Diéguez Carballo, coordinando o dispositivo “desta cita consolidada no panorama deportivo que chega á súa 50 edición puntuando para o Campionato de España de Montaña e recoñecida coa categoría de Proba FIA internacional, cuestións que evidencian a súa proxección e competitividade”.

A subdelegada afirmou que o compromiso e o traballo da Escudaría Chantada, así como o apoio das institucións e patrocinadores, “son a base do seu éxito, cunha constancia que converte esta competición dunha das probas máis veteranas do deporte nacional”. Así mesmo, Isabel Rodríguez felicitou aos organizadores pola súa implicación co automobilismo e con Chantada, localidade da Ribeira Sacra, “que vén de ser nomeada oficialmente como candidata a Patrimonio Mundial”.

Destacou tamén “o vencello do automobilismo con esta comarca, elixindo este emprazamento que pon o foco durante a fin de semana do 26 ao 28 de xullo para corredores e seguidores desta disciplina, e que funciona tamén como revulsivo económico, social e turístico”.

Desde a Subdelegación do Goberno “achegaranse un ano máis todos os medios dispoñibles para garantir o correcto desenvolvemento da proba a través das Forzas e Corpos do Estado, a quen lles agradezo a súa profesionalidade e esforzo en ocasións extraordinarias como esta, poñendo en marcha dispositivos á altura do que implica esta competición”.

Finalmente, a subdelegada fixo un chamamento ao público afeccionado para “respectar as indicacións da organización, fundamental para que pilotos e asistentes gocen da carreira e podamos celebrar este medio século de vida da Subida a Chantada con todas as garantías”.

0.19362902641296