Invístense máis de 500.000 euros na reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel
A Xunta está a realizar distintas actuacións no ámbito da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel para a súa posta en valor e a protección tanto dos espazos naturais como da biodiversidade nestes espazos cun investimento que rolda os 550.000 euros.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presidiu o consello reitor da reserva, onde salientou que a maioría dos proxectos xa se completaron ou están nun avanzado estado de execución coa previsión de que todos estean finalizados antes de abril do próximo ano.
A representante da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo en valor iniciativas como a xestión de hábitats de bosques de castiñeiros nas Comunidades de Montes de Seceda, en Folgoso do Courel. Esta actuación incide en case oito hectáreas de superficie e inclúe labores como a poda, a eliminación de ramas mortas ou brotes de pé favorecendo a implicación dos propietarios públicos e privados na conservación dun hábitat de interese comunitario.
Na mesma liña enmárcanse accións de mellora de frondosas nos concellos de Quiroga e Folgoso do Courel con rozas selectivas de matogueiras nunha superficie de 42 hectáreas para impulsar o crecemento de distintas especies frondosas.
Conservación dos insectos transportadores de pole
Outra das iniciativas, que se está a desenvolver nos concellos de Folgoso do Courel, O Incio, Triacastela e Sober, céntrase na conservación dos insectos transportadores de pole. Entre as medidas incluídas con este obxectivo está a creación dun pequeno catálogo entomolóxico, a identificación das especies máis interesantes para protexer e inventariar ou o deseño e construción de 20 vivendas-refuxios para estes animais.
A esta actuación, moi ben acollida pola veciñanza e as entidades locais, engádense outras como labores de control da vexetación exótica invasora no canón do río Sil, a recuperación da continuidade fluvial no río Lor ou a mellora da sinalización en toda a reserva para impulsar o turismo e a protección do patrimonio cultural e paisaxístico.
Belén do Campo tamén anunciou que o Goberno autonómico realizará o vindeiro ano unha nova convocatoria de axudas para estudos e investimentos vencellados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e a sensibilización ecolóxica na rede de reservas de biosfera de Galicia. Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), estarán dirixidas aos 86 concellos integrados nalgunha das sete reservas da biosfera de Galicia e contarán cun crédito de 1,8 millóns de euros para as anualidades 2024 e 2025.
O consello reitor da reserva analizou todas estas medidas de conservación e a maiores acordou trasladar ao Programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da Unesco a petición de inclusión na Rede Mundial de Reservas de Biosfera de Montaña.