Interior Galego Vivo pide ás Alcaldías da Ribeira Sacra que esixan á Xunta a fin dos recortes educativos
Interior Galego Vivo pide ás Alcaldías da Ribeira Sacra que esixan conxuntamente á Xunta a fin dos recortes educativos, xa que din que o curso 2024-2025 inaugurouse con numerosos recortes educativos e en medio de protestas.
"Estamos ante unha dinámica de fondo especialmente lesiva para o ensino rural galego: as modificacións legais de recuperación de horario tan necesarias para o profesorado de Primaria pretenden facerse desde a Xunta a custo cero e sen dotar de máis profesorado aos centros, co cal se perde a calidade educativa", denuncian.
A este respecto, dende Interior Galego Vivo sinalan que “os nenos e nenas do interior non son números, precisan contar coas mesmas oportunidades. Estando na Ribeira Sacra, vemos que un territorio que está na carreira por ser Patrimonio Mundial está abandonando o Ensino público: é hipócrita e indecente”, sinalou Paula Vázquez Verao.
En varios centros da zona incúmprense os acordos en canto ás rateos de alumnado por aula, o que penaliza o conxunto do alumnado e, nomeadamente, a aquel que presenta necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), pois o persoal de atención á Diversidade é tamén escaso.
Dende Interior Galego Vivo esixen ás alcaldías da zona que, ante esta situación, "se planten ante a Xunta e esixan á Xunta a fin dos recortes educativos, xa que vemos como os alcaldes da Ribeira Sacra andan agudos para papatorias e festexos, pero pouco para solucionar os problemas reais do territorio”, critican.
MOCIÓNS NOS CONCELLOS
Con todo, dende Interior Galego Vivo presentarán mocións nos concellos para solicitar á Xunta o cumprimento das rateos de profesorado acordadas no 'Acordo de Melloras' de outubro de 2023 en todos os centros do interior galego, así como o aumento de horas para orientación e pedagoxía terapéutica nos centros de ensino do interior galego.
"Dende IGV pensamos que deben todas as Alcaldías dos Concellos do xeodestino Ribeira Sacra afectados por recortes facer unha fronte común en defensa de máis medios materiais e humanos no ensino rural e defender un Plan específico de ensino para o rural galego e un aumento do persoal de atención á diversidade nos centros de ensino público das comarcas da Ribeira Sacra".
Concretamente, os recortes afectan, sobre todo, ao CEIP Eloísa Rivadulla en Chantada, ao CEIP Virxe do Carme de Sober, ao IES Río Cabe de Monforte de Lemos, ao CEIP da Pobra do Brollón e aos de Portomarín e Ribas de Sil. Do mesmo xeito, no Courel tamén se presentan problemas co transporte escolar e destacan tamén o peche de escolas rurais coma a de Vilariño de Conso.
Por todo isto, "non só esiximos que as Alcaldías se mobilicen contra os recortes deste curso, senón que tamén pedimos un pacto político por un Plano Específico de Ensino rural e o reforzo da atención á Diversidade”.