Interior Galego Vivo apoia a mobilización unitaria dos sindicatos SLG e UUAA
Interior Galego Vivo (IGV) apoia a mobilización unitaria dos sindicatos SLG e UUAA o vindeiro día 6 de setembro ás 12.00 horas diante do Consello Regulador, en coherencia co traballo desenvolvido ao longo de meses propondo alternativas e demandando medidas da Xunta que chegan tarde e son insuficientes. "Non podemos pensar só na colleita do 2024, senón que vai pasar como mínimo de aquí até o 2030", aseveran desde IGV.
"Isto non vai só de uvas, xogámonos o futuro do territorio", afirma Antom Fente. "Gandeiros que traballan a perdas e sofren o mosquito, viticultoras que non saben que facer coa uva e co traballo de todo un ano, mocidade formada sen oportunidades aquí, falta de médicos e profesores, aldeas sen servizos básicos... isto vai de extinguirnos ou sobrevivir como sociedade e territorio, vai do mañá e do futuro que imos deixar. Por iso, facemos un chamamento a toda a cidadanía dos concellos da Ribeira Sacra para que se mobilizan e berren 'até aquí chegamos'”.
A coordinadora xeral de IGV engade que "ninguén nos vai regalar nada se non loitamos polo que nos corresponde. Non queremos ser máis, pero tampouco menos que calquera outro territorio, nin renunciar a ter unha economía diversificada e parroquias vivas, pois o futuro non pode pasar por comer só turismo".
«Pouco importa falar de 'patrimonio da humanidade' se seguimos baleirando o territorio de palabra, obra e omisión para sermos “patrimonio do xabaril”", sentencian desde o movemento cidadán do interior galego.
"A Xunta favorece o acaparamento de terras por capital foráneo e a liña de axudas dun máximo de 2000 euros por hectáreas impide que os pequenos viticultores poidan seguir producindo, mentres subvenciona os grandes para que manteñan a rendibilidade e se fagan con toda a DO. Trátase daquela duna medida tan inxusta canto insuficiente e que xa ía saír de todas formas ligada á paisaxe, ao igual que a destilación de crise chega moi tarde, sen garantías de que se acollan a ela as grandes adegas ou de que se recolla a uva das persoas viticultoras", explican.
"Resulta indignante comprobar que, mentres todo isto acontece nas nosas comarcas, a conselleira de Medio Rural prefire andar cos alcaldes do PP de verbena en verbena", en alusión á Festa da Vendima do Saviñao. "Lamentamos a pasividade dos alcaldes dos concellos máis afectados, que andan máis ocupados en facerse fotos e subirse a palcos ca en encabezar as demandas que permitan manter a viticultura heroica tal e como a coñecemos", lamenta Fente.