Instálase o novo laboratorio de microbioloxía e da área de cardioloxía do Hospital de Monforte
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou que xoves comezarán os traballos para a implantación do novo laboratorio de microbioloxía e da área de cardioloxía do Hospital de Monforte, nos que a Xunta inviste 1 millón de euros. As obras realizaranse na planta baixa do centro hospitalario e terán un prazo de execución de catro meses e medio.
Durante a visita ás instalacións do hospital, acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e pola directora do distrito de Monforte de Lemos, Inmaculata Ramos, o conselleiro de Sanidade avanzou, ademais, que este mesmo verán se licitarán os traballos para a implantación da área de pneumoloxía e dixestivo, que suporán un investimento autonómico de 1 millón de euros.
Remarcou que o Executivo autonómico segue a traballar no Plan director de reforma integral do Hospital de Monforte, que permitirá reestruturar 10.000 metros cadrados para habitar espazos máis amplos, modernos e funcionais, adaptados ás novas necesidades asistenciais, coa previsión de que ese Plan director se poidan licitar este mesmo ano.
Xunto ás melloras que se van acometer no hospital público, Gómez Caamaño lembrou o investimento de 1,5 millóns de euros que a Xunta xa realizou nos últimos a nos para a posta en marcha do laboratorio de análises clínicas e de bioquímica, para a ampliación do hospital de día oncohematolóxico e para a mellora do servizo de farmacia hospitalaria.
No transcurso da visita, Gómez Caamaño tamén puxo en valor o traballo da Xunta para paliar a falta de médicos, un problema xeneralizado en toda España. Para iso, o Executivo galego aprobou unha lei que permite ocupar prazas de difícil cobertura a través dun concurso de méritos. Unha iniciativa que en hospitais comarcais como o de Monforte de Lemos permitiu que 18 das 22 prazas ofertadas xa estean cubertas e xa se traballa para cubrir as restantes.
Así, subliñou que todas estas actuacións amosan a aposta da Xunta pola potenciación dos hospitais comarcais e comprometeuse a seguir traballando para garantir a mellor atención sanitaria á cidadanía de Monforte de Lemos e de toda a comarca.