Inician os traballos de mellora na vía que une Eirexafeita por Cazón, no Saviñao
A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación do firme dun tramo da LU-P-5810, que é a vía que comunica dende a LU-P-5808 Eirexafeita por Cazón, no concello do Saviñao. Unhas obras nas que a institución provincial inviste preto de 80.000 euros e que afectan a un tramo de practicamente 7 quilómetros, desde o inicio da estrada.
Concretamente, os traballos consisten na reapertura de cunetas, reparación de puntos deteriorados e repavimentación. O prazo de execución das obras é dun mes, e a empresa que está a levar a cabo os traballos é Fevisa Vías y Obras SL. Trátase dunha actuación moi importante, porque a mellora desta vía que dá servizo a varias parroquias do municipio, garantirá a circulación en condicións de seguridade e comodidade para o usuario.
A institución provincial está a levar a cabo outras relevantes actuacións no concello do Saviñao, para mellorar as estradas provinciais ao seu paso por este municipio. En concreto, na LU-P-4202, que é a que conecta Pacios e Currelos por Aldosende, estase a executar obras de mellora desde o punto quilométrico 3,250 ao 5,000. Os traballos, cun investimento de preto de 80.000€ e que está a acometer tamén a empresa Fevisa y Obras SL, están a consistir na reapertura das cunetas e a súa limpeza, e na pavimentación nos puntos deteriorados para a renovación do firme con aglomerado en quente.
Por unha banda, a Deputación tamén sacou a licitación por 115.400 euros as obras de acondicionamento da LU-P-5806, que é a vía que une a parroquia de Freán coa vía autonómica LU-617 e na que a institución provincial actuará na mellora nun tramo de algo máis de 8 quilómetros. Os traballos, que terán un prazo de execución de dous meses desde o inicio das obras, consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de afundimentos e na repavimentación do firme.
Trátase dun proxecto de gran importancia para a zona da Ribeira Sacra porque esta vía dá acceso a importantes recursos turísticos como a contorna de Belesar ou ao antigo palacio episcopal de Diomondi, que hoxe emprégase como un albergue de peregrinos ao seu paso pola ruta xacobea do Camiño de Inverno