González Formoso chama en Chantada á participación da militancia nas Primarias
O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, continúa o seu percorrido polas Casas do Pobo de Galicia. Hoxe desprazouse ata o sur da provincia de Lugo para manter encontros coa militancia das agrupacións de Monterroso e Chantada, onde chamou “á participación da militancia nas Primarias do 30 de outubro para facer un PSdeG máis forte que poida ser a alternativa en Galicia”.
Coa participación da militancia como un dos grandes obxectivos e piares principais do seu modelo de partido, Formoso avogou por “recuperar a ilusión” e incidiu en que “é posible construír un proxecto alternativo á dereita en Galicia, porque Galicia non ten cor política, é de quen a entenda e de quen a atenda”.
González Formoso anunciou que realizará “unha campaña de ideas e propostas, en positivo, e sen confrontacións persoais xa que todos somos militantes, todos somos socialistas” e valorou o proceso de Primarias, “do que se dotou o Partido hai anos, que dá voz e poder de decisión á militancia e que é unha ferramenta democrática que debe servir para contrastar propostas e modelos de partido pero sempre desde o respecto entre compañeiros”. “Cando nos respectamos dentro, tamén nos respectan fóra e así gañamos a confianza da cidadanía”, engadiu.