Galego de Caracas representará o Bóveda Slam Poetry no XIII campionato estatal de Poetry Slam España

RibeiraSacraXa
"Dende Bóveda desexámoslle ao noso poeta, Galego de Caracas, moita sorte e que desfrute moito nesa gran xuntanza", explican desde a organización do evento
Final-2024-Bóveda-Slam-Poetry
11 Out 2024

O Bóveda Slam Poetry estará representado no XIII campionato estatal de Poetry Slam España os días 17 e 18 de outubro no salón de actos da Escola Técnica Superior de náutica de Santander, no que haberá dúas semifinais.

De cada unha das semifinais clasificaranse sete, catorce poetas en total, para a final que se celebrará no paraninfo do Palacio de la Magdalena, na tarde do sábado 19 de outubro.

Así, o evento bovedense estará representado por primeira vez coa participación do poeta Galego de Caracas, pseudónimo que emprega habitualmente nas súas intervencións Simón Rodríguez Landaeta.

Simón, que interveu con asiduidade no Bóveda Slam Poetry, clasificándose na Gran Final de xullo para participar no campionato estatal, intervirá na primeira semifinal, que se fará o 17 de outubro.

"Estamos moi contentos de ver Bóveda no campionato estatal, xunto a trinta e unha cidades máis, dúas delas coruñesas, Santiago de Compostela e máis Carral. Dende Bóveda desexámoslle ao noso poeta, Galego de Caracas, moita sorte e que desfrute moito nesa gran xuntanza", explican desde a organización do evento.

Ademais, o Bóveda Slam Poetry empezará a súa terceira tempada o vindeiro mes de novembro, seguindo a súa traxectoria. Bóveda Slam Poetry chegou a Bóveda en marzo de 2023 coa intención de achegar a poesía escénica ao rural e converter Bóveda nunha das máis de trinta sedes de Poetry Slam que hai no estado. Dende marzo, convocou seis encontros que remataron en decembro. No mes de xaneiro Bóveda Slam Poetry empezou a segunda tempada, xa inscrita na asociación Poetry Slam España, que finalizou o pasado mes xullo, cunha Gran Final da que saíu clasificado o poeta que participará no slam estatal.

0.09680700302124