Feijóo anuncia en Lugo investimentos na provincia en sanidade e infraestruturas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Salienta que a urbanización dos parques empresariais da Pontenova e Meira se licitarán no vindeiro mes de abril
feijoo presidente do goberno
17 Mar 2022

Precisa que, ao longo deste ano, os Plans de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra e da Mariña canalizarán investimentos por 1,5M€.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, numerosas actuacións na capital da provincia así como outras accións  no resto dos municipios.

Así mesmo, salientou que, no marco do Plan de Infraestruturas, na provincia construiranse 6 novos centros de saúde en Antas de Ulla, Pantón, Ribadeo, Becerreá, Guntín e Sagrado Corazón (na cidade); e reformaranse media ducia -o de Foz, Meira, Outeiro de Rei, Ribas de Sil e, na cidade, os de Praza de Ferrol e o mencionado da Milagrosa-.

POLÍGONOS INDUSTRIAIS

En materia económica, Feijóo subliñou que na provincia de Lugo, a Administración autonómica conta con preto de 270.000 metros cadrados de solo urbanizado, distribuídos en 11 polígonos industriais e con bonificacións na compravenda do 50%.

Deste xeito, a empresa pública Xestur ofrece 52 parcelas -máis de 113.000 m2- en tres parques empresariais (As Gándaras, Cervo e Viveiro), no concurso de adxudicación deste 2022. E sacaranse a concurso ao longo deste ano outros 13.000m2, en 15 parcelas do parque de Muimenta, que se sumarán aos máis de 122.000m2 de solo empresarial á venda que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ten en sete polígonos lucenses.

Cómpre salientar tamén que a urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras adxudicarase este mes e permitirá habilitar 25 novas parcelas. Os proxectos das segundas fases da Pontenova e Meira se licitarán no vindeiro mes de abril; “e traballamos no desenvolvemento de solo no Corgo, Palas de Rei e Castro de Rei”, engadiu.

En relación ás infraestruturas tecnolóxicas, recordou que, desde a Xunta, estanse a executar diferentes medidas para mellorar a cobertura e a conectividade, entre as que destacou a liña de axudas para facilitar a conexión a internet ultrarrápida de empresas e autónomos de zonas illadas do rural, cuxa nova convocatoria sairá publicada a vindeira semana no DOG. Ademais do Plan de mellora de cobertura móbil en zonas illadas, do que se beneficiarán 150 núcleos da provincia de Lugo.

TURISMO

En materia de turismo, o presidente da Xunta puxo en valor que a provincia recibiu tamén un investimento aproximado de 19 millóns de euros para impulsar a recuperación e reactivación do sector turístico en Lugo. Neste apoio inclúense 12 liñas de axudas, 10 convenios con distintas entidades, máis de 11 millóns de euros en axudas á hostalería no marco dos plans de rescate da Xunta e os proxectos financiados ao abeiro de "O Teu Xacobeo".

Así mesmo, precisou que, ao longo deste ano, os Plans de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra e da Mariña canalizarán investimentos por 1,5M€. Na Ribeira Sacra continuarase co embelecemento de núcleos, coa renovación da sinalética e coa promoción das rutas do viño e na Mariña traballarase nun plan estratéxico, nun plan de marketing, na dixitalización de servizos e no desenvolvemento de experiencias turísticas innnovadoras.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1648690700531