Este xoves inaugúrase a VI edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurará mañá a sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará do 5 ao 7 de xullo no paseo do Malecón da cidade.
No acto, estará acompañado por unha ampla representación institucional, ademais do pregoeiro desta edición, que será Antonio Lombardía Crespo, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.
Un dos aspectos máis destacados desta sexta edición é o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en catro con respecto á edición de 2023 e en 7 con respecto a 2022, participando neste ano 34 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 6 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño.
Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe.
“Estou convencido” sinala o rexedor monfortino, “de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte seguirá sendo un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, un evento destinado a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía e tradición e por suposto, do viño”.
CONSULTA TODA A PROGRAMACIÓN PREMENDO AQUÍ.