Este venres celébrase o Folión das Fachas de Vilelos no Saviñao
A parroquia de San Martiño de Vilelos, no Saviñao, prepara unha nova edición do Folión das Fachas de Vilelos, que se celebra este venres, 27 de setembro, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos mantén viva unha tradición ligada nas súas orixes á celebración das colleitas e que chegou á actualidade como un anuncio do inicio das festas da parroquia.
Coas fachas de agucios prendidas e con acompañamento musical, os veciños e veciñas suben en procesión desde a aldea ata a cima do castro da Besta, onde o ritual de lume e música pode ser albiscado desde as parroquias veciñas.
Vilelos é, xunto a Castelo, en Taboada, e Castro Caldelas, en Ourense, un dos poucos lugares de Galicia onde se conserva esta manifestación cultural, explican desde a organización, na que participan diferentes xeneracións de veciños e veciñas da parroquia e na que destaca o impulso das máis novas, “moi orgullosas” da tradición herdada.
A deputada Iria Castro destacou “a implicación da veciñanza para dar continuidade a esta tradición, que xenera un orgullo e un sentido de pertenza moi importante á hora de crear comunidade no rural” e lembrou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co tecido asociativo, que desenvolve un papel fundamental na dinamización cultural e social das parroquias”.
A noite iniciarase cunha pancetada popular ás 22.00 horas que reunirá á veciñanza na Besta. O Folión comezará ás 00.00 horas, co prendido das fachas que alumearán a subida e a volta ao castro. A festa continuará coas actuacións de Searas, Cadela Asasina e Catuxa Salom.
A Vicepresidencia da Deputación destina 3.000 euros á Asociación de Veciños de Vilelos para a organización desta festa do lume.