Espertamonforte súmase ás críticas do PP e do BNG pola elección da pregoeira das Festas Patronais
O grupo municipal Espertamonforte quere manifestar o seu profundo desacordo e preocupación ante a decisión do alcalde de elixir a expresidenta de ADIF e secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España, Dona Isabel Pardo de Vera, como pregoeira das festas patronais da nosa cidade, "en lugar de elixir un monfortino ilustre como tradicionalmente se viña facendo".
"As festas populares son un tempo de festa e de unidade para todos os monfortinos, unha tradición que pertence a todos os cidadáns, independentemente das súas ideoloxías políticas. Estas festas deben ser un espazo de encontro, libre de calquera tipo de propaganda política, e que o alcalde de todos debería respectar", explican.
Así, lamentan profundamente que o alcalde "decidise aproveitar este importante acontecemento para facer campaña política, empregando un espazo que debería ser de todos os monfortinos para os seus propios fins partidistas", denuncian.
E engaden que "esta acción non só politiza unha celebración que debe ser inclusiva e neutral, senón que tamén socava o espírito comunitario que caracteriza as nosas festas".
Por iso, dende Espertamonforte fan un chamamento ao alcalde e ao seu equipo para que reconsideren esta decisión e garantan que o pregón veña dado por unha figura que represente a toda a comunidade monfortina, sen distincións nin axendas políticas.
"O noso grupo municipal considera que o pregón das festas patronais non é o momento para facer publicidade de temas como a estación intermodal de Lugo nin da chegada do Ave a Ourense. Agardamos que en vindeiras ocasións se priorice o interese común e se manteña a neutralidade política nos actos que forman parte do patrimonio cultural da nosa cidade".