EspertaMonforte pedirá no pleno a creación dunha unidade de atención temperá municipal
O partido político Esperta Monforte presentará unha moción no pleno do Concello monfortino na que solicita a creación dunha unidade de atención temperá municipal.
Desde o colectivo indican que, segundo o artigo 3 do Decreto 183/2013, do 5 de decembro, no que se establecen os principios rectores da Rede Galega de atención temperá, que son a descentralización e proximidade; e tendo en conta o número de habitantes de Monforte, a subvención que “podería recibir o noso Concello para prestar unha obra social tan importante sería de ata 12.100 euros de contía máxima por mes subvencionable, que en 24 meses pode ter unha duración do programa e achegaría así un total de 294.000 euros”, explica.
Así, din que ao seu grupo municipal lle parece “un despropósito” deixar pasar esta cantidade de cartos “que poderían servir para dar un servizo fundamental a un colectivo tremendamente esquecido e necesitado de axuda por un simple motivo de discrepancia política, cando estamos vendo como nos últimos anos se veñen realizando no noso Concello actuacións millonarias cofinanciadas por administracións afíns ao PSOE que non son prioritarias e importantes como a da atención tempera”, explican.
E engaden que é unha “vergonza que Monforte sexa o único concello da comarca que carece deste servizo, a pesar de ter sido solicitado por este partido e outros en numerosas ocasións e despois de recoller sinaturas promovido por varias familias con nenos e nenas con necesidades que reclaman a apertura dunha unidade de atención temperá en Monforte”.
Por todo isto, instan ao Goberno local de Monforte a realizar as xestións necesarias para poñer en funcionamento unha unidade de atención temperá no Concello, aproveitando as subvencións da Xunta.