Entréganse os diplomas á rapazada que participou na segunda quincena do Campamento Deportivo de Verán
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, fixo entrega, no pavillón da Pinguela, dos diplomas acreditativos ós 101 nenos e nenas que participaron na segunda quincena do Campamento Deportivo de Verán do Concello de Monforte.
José Tomé destaca que “dende o Concello, facemos un esforzo moi importante para poder manter a celebración destas actividades de verán, nas que ofertamos un total de 822 prazas, que é o número máis alto dos últimos anos que dende o Concello puxemos en marcha para as actividades de verán, 8 máis que en 2023”.
O rexedor subliña que “o noso obxectivo é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar das súas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.
A terceira e última quincena deste Campamento Deportivo de verán dará comezo mañá 1 de agosto, e ata o 14, e contará coa participación de 87 nenos e nenas.