Desde o BNG de Monforte non entenden por que se lle quere outorgar unha distinción ao XXIII Conde de Lemos

RibeiraSacraXa
O BNG de Monforte non comprende por que o Concello de Monforte de Lemos quere outorgar unha distinción ao señor Carlos Fitz-James Stuart y Martínez De Irujo, XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba.
20 Abr 2024

O BNG de Monforte non comprende por que o Concello de Monforte de Lemos quere outorgar unha distinción ao señor Carlos Fitz-James Stuart y Martínez De Irujo, XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba.

"Como nacionalistas de esquerda, cremos que os títulos nobiliarios son anacrónicos e contrarios a unha sociedade igualitaria, xusta e baseada no mérito do traballo, polo que non apoiamos a honra a unha persoa polo simple feito de pertencer a unha determinada familia".

Así, pregúntanse cal é o mérito desta persoa para outorgarlle esta distinción máis aló do seu apelido e din que outorgar distincións baseadas en títulos nobiliarios contradí os principios de igualdade e mérito: "A sociedade moderna debería valorar ás persoas polos seus logros, méritos e contribucións, non pola súa herdanza ou status de nacemento". Ademais, din que os títulos nobiliarios adoitan ser hereditarios, "o que significa que se transmiten de xeración en xeración dentro de certas familias e isto perpetúa desigualdades e privilexios baseados na fortuna de nacemento, en lugar dos méritos persoais".

Por outra parte, cren que os títulos nobiliarios representan un "simbolismo anticuado, e un sistema de xerarquía que non se aliña cos valores modernos de igualdade e democracia", así como fomenta a desigualdade: "A existencia e promoción de títulos nobiliarios contribúe á percepción dunha sociedade estratificada, onde certas persoas son vistas como inherentemente superiores ás demais, debido á súa liñaxe".

Desde o BNG propoñen que, se queremos honrar a alguén, que sexa unha persoa que realmente o mereza polos seus logros, méritos e contribucións persoais á sociedade. "Sería moito máis xusto e acaído facelo en persoas como, por exemplo, Moncho Díaz, monfortino recentemente falecido, membro destacado do histórico grupo galego Fuxan os Ventos, pola súa contribución ao patrimonio cultural galego e a súa dedicación á promoción e preservación da música tradicional, Lois Pereiro, monfortino e Premio das Letras Galegas 2011, ou a Margarita Rodríguez Otero, concelleira, deputada e investigadora monfortina que representa á perfección os valores aos que facemos referencia".

0.11557102203369