Deputación e Concello de Quiroga firman un convenio para a promoción turística do concello

RibeiraSacraXa
Nesta programación inclúese un total de 13 actividades gratuítas como roteiros, concertos ou propostas acuáticas
convenio-quiroga-deputacion
Firma do convenio
29 Xul 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co Tenente Alcalde do Concello de Quiroga, Vicente Parra Vizcaíno, a través do cal a institución provincial achega a este municipio unha aportación de 10.000€ para colaborar no programa de dinamización turística para o verán 2024, Descubrir Quiroga.

Tomé Roca sinalou que “dende a Deputación seguimos reforzando un dos elementos que vertebran a nosa liña política, a cooperación cos Concellos”. Nesta liña, o Presidente sinalou que “Quiroga conta cun destacado patrimonio natural, histórico e cultural digno de coñecer, por iso colaboramos co desenvolvemento desta programación que atrae a numerosos visitantes á zona, o que supón un importante revulsivo económico, non só para este municipio, senón tamén para toda a contorna”.

A programación Descubrir Quiroga, posta en marcha pola Concellería de Turismo en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello, pretende poñer en valor os diferentes recursos turísticos que se atopan neste municipio e nela inclúese un total de 13 actividades gratuítas que se están a desenvolver nos meses de verán.

Algunha das actividades que se realizaron no mes de xullo foron o Roteiro das fervenzas de Quiroga, Descubrimento de barranquismo en Campodola ou actividades acuáticas. As seguintes propostas previstas son:

- 2 de agosto: Coñece os museos de Quiroga.
- 21 de agosto: Descubrimento de barranquismo en Campodola.
- 30 de agosto: Roteiro da encomenda de Quiroga.
- 31 de agosto: Visita a Montefurado, terra de romanos.
- 13 de setembro: Descubrimento de barranquismo en Campodola.
- 21 de setembro: Paisaxes sonoros do Val da Seara.
- 28 de setembro: Camiño de inverno á inversa.

As persoas que desexen participar nalgunha destas actividades deberán formalizar a súa inscrición de xeito presencial na Casa da Cultura de Quiroga ou enviando un correo electrónico á seguinte dirección cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es. A hora límite para anotarse será ás 13:00 horas do día anterior a actividade que se desexe realizar.

0.2027759552002