C@urel Vivo presenta unha moción para previr futuros lumes e reorganizar brigadas
O voceiro e concelleiro da organización comunitaria C@urel Vivo, Óscar Carrete Lage, vén de presentar unha moción no pleno de Folgoso do Courel para loitar na prevención de lumes e a reorganización das brigadas que teñen base no concello
Segundo expón, “durante este ano fíxose realidade o que ninguén queriamos que se fixese. Un devastador incendio que devorou máis da metade do territorio do concello, queimando casas en varias aldeas, das que xa somos coñecedores. Traémoslles esta proposta, pedindo o mesmo que solicitabamos o ano pasado e daquela chamáronnos cínicos, populistas e outras cousas de pouco decoro. Tras esta catástrofe, volvemos presentar as mesmas deficiencias en prevención, que xa sufriamos daquela. A ver se agora as e os concelleiros que votaron en contra, pensan na protección dos veciños e veciñas do Courel ante futuros lumes e nos fan máis caso có ano pasado”.
De acordo ás palabras do voceiro, dende os grandes lumes do 2017 os expertos xa viñan avisando de que en todo o país ia haber lumes cada vez máis grandes e máis difíciles de atallar. “A Xunta de Galicia que é a administración con competencias neste tema non está a tomar medidas preventivas eficientes. O único que estamos vendo é como nos últimos anos privatizan e recortan medios dedicados a extinción dos lumes, e aínda máis importante recortan na prevención, de gran importancia en zonas de montaña como o Courel.
Por parte do Concello deberiamos loitar para que a Xunta de Galicia dote esta zona cunha brigada para a prevención e extinción durante todo o ano e outra de reforzo de 6 meses. Recordamos que as persoas que están actualmente máis próximas son da Brigada Monforte 3, e conseguiron a base no Courel por sentenza xudicial a titulo individual de cada un deles. Catro deles están próximos á xubilación, polo que antes de cinco anos ó Courel pode quedar sen brigada da Xunta, se non se reforzan e reorganizan mellor as brigadas ; e se desde o Concello se segue sen solicitalo.
Vemos preocupante que desde o Equipo de Goberno, en vez de propoñer medidas para mellorar a situación e poder afrontar mellor futuros lume se limiten a pasear polo monte con políticos e sacar a foto.
Dende C@urel Vivo queremos que os tres Grupos do Concello traballemos en conxunto, tamén neste tema e tentemos protexer á xente, ás aldeas e ós nosos montes en futuros incendios”.
Entre as deficiencias que recolle esta organización nesta moción que veñen de presentar, está por exemplo a situación do punto de carga de auga.
Por todo isto, propoñen chegar a un acordo “solicitando á Xunta de Galicia dúas brigadas de prevención durante todo o ano para o Concello, que se dote á veciñanza dun pozo de carga en cada aldea (nas que se dean as condicións para usar con motobomba e helicóptero), que nos novos plans de incendios a Xunta contrate helicópteros para extinción con visión nocturna para a seguridade de todo o país e máis axudas para a plantación de arbores autóctonas nas zonas de montaña”, entre outros aspectos.