Craega e a Xunta de Galicia renovan a súa colaboración

RibeiraSacraXa
Representantes de ambas as entidades reuníronse esta mañá en Monforte para reforzar a súa colaboración
Sinatura do convenio entre Craega e a Xunta de Galicia
Sinatura do convenio entre Craega e a Xunta de Galicia
14 Jan 2025

A Xunta renova a súa alianza co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) coa sinatura dun novo convenio de colaboración co obxectivo de reforzar o seu traballo na potenciación do consumo e difusión dos produtos ecolóxicos de Galicia. Así, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, desprazouse ata a sede da entidade no concello lucense de Monforte onde puxo en valor este acordo ao tempo que destacou a tendencia de crecemento do sector ecolóxico certificado en Galicia tanto en superficie como en operadores, con presenza en 279 concellos galegos.

O responsable autonómico destacou o papel do sector pesqueiro galego na produción ecolóxica da comunidade, que no conxunto mantén un volume de facturación de 113 millóns de euros, correspondendo máis do 17% á produción acuícola e de conservas de peixe. Neste sentido, sinalou que no ranking de vendas por tipoloxía de produtos ecolóxicos certificados destacan as conservas de peixe así como a acuicultura e recollida de algas, que ocupan a segunda e novena posición respectivamente.

O titular de Mar manifestou o potencial e o marxe de crecemento deste sector nos próximos anos nun contexto de cambio nos criterios de consumo da cidadanía, cada vez máis concienciada cos aspectos ambientais, o que fai que estes alimentos sexan aínda máis valorados nos mercados que os convencionais. Así, os produtos ecolóxicos ofrecen aos consumidores alimentos nutritivos e de máxima calidade ao tempo que sostibles, apostando por sistemas de produción respectuosos co medio ambiente e responsables no uso sostible dos recursos.

0.19888710975647