Courel Vivo pide chegar a un acordo no vindeiro pleno para solicitarlle á Xunta "que cumpra coas obras"
Desde Courel Vivo van solicitar no vindeiro pleno ordinario un compromiso firme á Xunta co Concello de Folgoso do Courel porque "nos últimos anos, o noso Concello sufriu varios contratempos que nos causaron moito dano, tras os cales as administracións competentes non cumprían co Courel".
Así, din que Goberno e Xunta de Galicia “brindaron ó aire cos lumes. Podemos falar de promesas rotas e servizos decadentes como a Residencia, Cobertura, Fibra Óptica polo chan, pero ímonos centrar nas estradas".
Explican que no caso do derrubamento da estrada á altura de Santa Eufemia, "prometíase comezar as obras o pasado ano e nin están licitadas aínda. Ou os tramos da LU-651, na primeira fase entre a Ferrería e Seoane que levan meses paradas e que só se activaron coa campaña electoral galega e que se están a facer de forma intermitente e con 2 anos de atraso".
Para a segunda fase, entre Folgoso e Ferrería Vella, entre os puntos 21,6 e 29,7, "aínda agora vén de asinarse o contrato para a redacción do proxecto, pero xa tivemos que esperar 22 anos desde que se rematou o último tramo da citada estrada entre Quiroga e Folgoso".
Por iso, todos os grupos do pleno "debemos solicitarlle á nova Xunta de Galicia que faga cumprir e cumpra os prazos nas súas obras, xa que, ao non facelo, discrimina a toda a veciñanza e o sector empresarial do Courel".
Desta maneira, propoñen que se chegue no pleno a un acordo para solicitarlle á nova Xunta de Galicia que cumpra e faga cumprir os prazos nas obras que licita, que faga un esforzo para rematar canto antes as 2 fases da Lu-651 e que licite canto antes o novo trazado de Santa Eufemia.