Courel Vivo denuncia a situación sanitaria que vive Folgoso do Courel
Desde Courel Vivo denuncian "a indiferencia do SERGAS e as autoridades competentes para garantir unha atención sanitaria digna e de calidade para os pacientes do Courel", xa que explican que non substitúen ao persoal sanitario, concretamente aos médicos".
Así, din que calquera que sexa a causa da ausencia, aínda que exista persoal médico dispoñible para asumir ditas ausencias, "non cubren esas baixas, vulnerando todos os acordos coas distintas organizacións sindicais".
"Para comprender esta situación é necesario coñecer as características particulares desta comarca cunha poboación moi dispersa e envellecida e cunha orografía singular. Calquera que coñeza esta zona sabe que resulta imposible asumir os tempos de referencia que o propio SERGAS e o 061 consideran aceptables para a atención sanitaria nunha emerxencia ou urxencia médica, estando un único médico para todo O Courel", explican.
Ademais, contan cunha ambulancia de apoio na zona "que o propio 061 considera vehículo non asistencial, é dicir, non apto para o traslado de pacientes nin do equipo sanitario", denuncian.