Continúan as reunións para a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou nunha nova xuntanza sobre a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. O encontro de traballo, que tivo lugar no Consorcio Local dos Peares (Ourense), serviu para trazar as actuacións que se levarán a cabo para a consecución deste recoñecemento.
Entre outras cuestións, na reunión avanzouse que en setembro deste ano haberá que presentar o expediente do novo proxecto sobre a candidatura que está a preparar a Xunta e que está reformulado en torno á auga; en febreiro do año que vén haberá que entregar o informe ao Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO; prevén que en setembro ou outubro teña lugar a visita de inspección; e, a mediados do 2026 está previsto que se reúna o comité para tomar a decisión.
García Porto lembrou a implicación total da institución provincial na consecución desta distinción internacional, que impulsou a propia entidade no 2011 e baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro liderando unha campaña de mobilización institucional e social coa que recolleu máis de 40.000 firmas.
Nese sentido, sinalou que a Deputación fará un seguimento e apoiará as xestións que se leven a cabo para conseguila. Valorou que tras o acordo unánime do Consello de Patrimonio Histórico de nomeala como única candidata de España a Patrimonio Natural da UNESCO no ano 2026 toca facer unha boa labor didáctica por parte da Xunta de Galicia, “porque esta proposta está elaborada polo Goberno galego” e destacou o apoio da Deputación, “porque o importante é que saia adiante e que non pase como hai uns anos, que a comisión de ICOMOS e fixeron unha proposta negativa porque non se fixeron ben as cousas”.
Na xuntanza participaron tamén o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, un representante da Deputación de Ourense, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, alcaldes e representantes de entidades desta comarca que conforman as provincias de Lugo e Ourense.