Continúan as obras de mellora na estrada que une Monforte co Alto do Faro
A Xunta executará actuacións de limpeza e acondicionamento nas marxes de tres estradas autonómicas nas comarcas de Bergantiños, Lemos e Pontevedra.
Así, proseguirán os traballos na vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1), así como na estrada AC-552, ao paso polos concellos de Carballo e Coristanco e na estrada PO- 223, no concello de Pontevedra.
Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de tres millóns de euros para os dous próximos anos.
As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.
Os obxectivos deste programa son previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.